O BNG de Viveiro denuncia ante a Xunta Electoral o “carrexo” de anciáns desde Betania para votar

A dirección da residencia viveirense nega que se condicionase o voto e afirma que levar os maiores de mobilidade reducida a exercer o seu dereito "é como bañalos ou levantalos da cama"

Ancián votando. EFE

O BNG de Viveiro informou de que a súa voceira, Míriam Bermúdez, denunciou na mesa electoral onde exercía como apoderada o pasado 12 de xullo o “carrexo” de anciáns desde a residencia Betania, “en pleno confinamento” na Mariña lucense e “coa entrega do sobre en man”.
Segundo relata a formación frontista nun comunicado, á primeira hora da mañá chegou unha furgoneta do xeriátrico, onde, nada máis baixar os maiores, “a persoa que os acompañaba fíxolles entrega do sobre“. Os nacionalistas viveirenses subliñan que neste centro, como no resto de residencias da Mariña, permanecían prohibidas as visitas ás residencias.

NA MESA DO CONSISTORIO

“É incrible como se nega a visita de familiares na propia residencia como medida de protección fronte aos contaxios, pero despois é a propia xerencia a que os leva a votar”, reproba. A mesa electoral en cuestión era unha das situadas na sala multiusos do consistorio de Viveiro, onde tamén estaban presentes interventores e apoderados doutros partidos que, segundo o BNG, “permaneceron pasivos aos feitos”.

DENUNCIAS EN VERÍN, OURENSE E PONTEVEDRA

Bermúdez incidiu en que o deixou constatado na acta de sesión, polo que “queda presentada a denuncia na Xunta Electoral de forma automática”. O BNG incidiu en que Betania é unha das residencias que xestiona a congregación relixiosa que xestiona das Hermanitas de los Ancianos Desamparados que, ademais de en Viveiro, tivo outro tres denuncias polas mesmas prácticas noutras residencias este 12 de xullo, en Verín, Ourense e Pontevedra.

“NON LEVALOS VOTAR PODE SER DENUNCIABLE”

Desde a dirección do centro negan que se dirixise o voto. “Os nosos maiores teñen dereito a votar e os traballadores da nosa residencia lévanos a exercelo ao igual que se lles baña, se lles dá o almorzo ou se lles levanta da cama, é parte da súa tarefa”, resaltan. A nai superiora sostén que os usuarios “deciden libremente a opción que prefiren”. Nese sentido, salienta que “se levaron sobres desde a residencia como recomendaron as autoridades sanitarias”, sen que “en ningún momento” se alterara a opción política preferida en cada caso. “Non houbo ningunha soa queixa” por este motivo, conclúe.

A dirección de Betania insiste en que “votar é un dereito” e pregúntase “quen se non vai levar ás persoas con mobilidade reducida” aos colexios electorais. Sobre a restricción das visitas, a nai superiora argumenta que se trata “dunha decisión que nós non tomamos”, e malia que admite que unha votación de eleccións non é o escenario máis axeitado para persoas vulnerables ao coronavirus, recalca que negarse a levar os anciáns ás mesas electoriais “podería ser denunciable”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here