IniciosociedadeOs confinamentos pasan factura entre as familias de Burela

Os confinamentos pasan factura entre as familias de Burela

A corentena, tanto para os positivos como para os contactos estreitos, incrementou a demanda de Servizos Sociais; a comunidade caboverdiana resalta que "nalgúns casos non hai ingresos"

Publicada o

- Advertisement -
Nos peores momentos do brote na Mariña aproximadamente 1.100 persoas estiveron confinadas sen poder saír da casa ben por positivos ou por contacto con positivos. Deses confinados, varios centos eran veciños de Burela, “zona cero” do abrocho, cunha poboación total de algo máis de 9.000 habitantes. O confinamento sumado á corentena previa por alerta sanitaria, complicou a situación a familias afectadas.

Desde o Concello, a concellaría de Servizos Sociais colaborou no posible cos confinados, levando a compra a casa, os medicamentos, mesmo se prestou axuda para cousas tan cotiás como baixar o lixo. Así o explicou a concelleira da área, Carmela López, quen sinalou que durante o brote houbo “familias confinadas que non contaban con ningunha axuda externa“.

López remarcou que o concello deseñou un protocolo de actuación durante a pandemia, que serviu agora co rebrote para atender aos confinados. “Durante o estado de alarma púxose en marcha un protocolo para persoas vulnerables, que se retomou. A quen o necesite recólleselle o lixo, cómpranselles alimentos e medicamentos e tamén estamos pendentes e ás veces chamamos a ver se necesitan algo. Mesmo onte axudamos á compra dunha bombona de butano“, manifestou.

En canto ás consecuencias económicas do rebrote na corentena, López indicou que “de momento non se notou un aluvión”, aínda que aventurou que “se verá o impacto en breve”, ao que engadiu que xa son varias familias que a consecuencia da pandemia solicitaron axuda por “problemas económicos” por perda de emprego, Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (Erte) e situacións similares.

TRABALLOS DE EXPOSICIÓN AO VIRUS

Doutra banda, moitos dos afectados polo rebrote, segundo transcendeu, foron membros da comunidade caboverdiana cunha ampla presenza desde hai anos nesa localidade. Moitos forman parte das tripulacións da frota do porto desa localidade e outros traballan en hostalería, ou en servizo doméstico.

As asociacións culturais Batuko Tabanka e Batuko Rabentola puxeron de relevo que o rebrote “xerou unha situación complicada” debido a que co brote “nalgúns casos non hai ingresos, porque non se pode traballar ou os ingresos baixaron”.

Como membros destas asociacións e parte activa da comunidade, Santinha Gómes e Alicia Monteiro, destacan que aínda que cada familia ten as súas circunstancias, “está a pasarse mal e vai ser difícil saír desta”.

En todo caso, congratuláronse de que, no medio destas circunstancias, os afectados contaron coa colaboración da comunidade, “para todo o necesario”, e tamén con veciños e Concello.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...