IniciosociedadeA Mariña volve latexar polo Carme

A Mariña volve latexar polo Carme

Foz e San Cibrao viviron unha singular celebración da patroa; hoteis e bares reabren e Viveiro quinta o precinto a parques e pavillóns; por Ribadeo vense os primeiros peregrinos

Publicada o

- Advertisement -

A nova situación permitiu que, dez días despois do peche da Mariña por mor do brote de coronavirus, a oficina de turismo de Viveiro atendese visitantes de novo, do mesmo xeito que a de Ribadeo, onde tamén se deixaron ver peregrinos do Camiño de Santiago, segundo fontes do sector hostaleiro.

Ademais, en Foz celebráronse este xoves, diferentes actos con motivo da festividade do Carme, patroa dos mariñeiros, tamén da vila de San Cibrao. A misa foi no pavillón para gardar as distancias. Este ano, do mesmo xeito que noutras localidades costeiras da comarca, onde se celebra esta festividade, non hai festa, pero si ruadas e actuacións musicais, aínda que con aforamento limitado e en cadeiras, como mandan os protocolos.

Co levantamento do peche xa son varios os hoteis que anunciaron a súa “volta”; é o caso de Hotel Val do Naseiro, en Viveiro, e o Hotel Oca, en Foz. Ambos avisaron que volven operar nun caso este mesmo xoves e no outro o venres.

Ao mesmo tempo, algúns dos locais que pecharan polo brote tamén empezan a reabrir; así o fixo o restaurante San Miguel, de Ribadeo, que por prevención e ante un positivo dunha persoa que traballou un día decidira pechar, segundo o propio xerente do negocio.

CHAMADA Á “RESPONSABILIDADE”

Coa nova situación, os municipios levantan limitacións. É o caso do concello de Viveiro, que reabriu esta mañá os parques, pavillóns municipais e baños públicos que con ocasión do rebrote foran clausurados.

A pesar diso,a alcaldesa, María Loureiro, solicitou “responsabilidade” e “concienciación” aos veciños e visitantes, á vez que empraza ao cumprimento das medidas preventivas en vigor.

Xunto a isto, advertiu de que “Protección Civil e Policía Local, coa colaboración dos socorristas do municipio, continuarán controlando os accesos e capacidade das praias co fin de asegurar o respecto da distancia interpersoal de seguridade entre usuarios”. Avisa de que en caso de “aglomeracións ou incumprimentos de distancias” procederase ao “peche dos areais”.

PROMOCIÓN TURÍSTICA PARA RECUPERAR O TECIDO ECONÓMICO

Doutra parte, os concellos da zona, a través da Mancomunidade de municipios, comunicaron, tras unha reunión telemática este mércores pola tarde, que traballan para recuperar a actividade económica nos diferentes municipios tras o parón provocado polo confinamento.

Así, manifestaron que pretenden recuperar a reputación da Mariña como destino turístico. O presidente da mancomunidade, Francisco Cajoto, avanzou que nuns días unha campaña de promoción desta comarca como destino turístico tranquilo.

PLAN DE SUSTENTABILIDADE TURÍSTICA

Noutra orde de cousas, este xoves as Xunta comprometeuse a pór en marcha medidas para reactivar o turismo na Mariña e reforzar a súa imaxe como destino seguro. Así o anunciou o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, tras un encontro con respresentanets da Asociación Provincial de Hostaleiros de Lugo. Segundo explicou aos empresarios turísticos, a Xunta proporá ao Goberno de España e aos concellos da comarca que a bisbarra lucense se converta no primeiro territorio galego no que se poña en marcha un Plan de Sustentabilidade Turística, unha iniciativa que o Estado quere implantar en colaboración coas administracións locais e autonómicas en destinos pioneiros xa consolidados e en territorios rurais e do interior.

Reunión do conselleiro con empresarios da provincia de Lugo. AXM

Neste sentido, Román Rodríguez salientou “a oportunidade” que isto suporá para o tecido empresarial da Mariña cunha planificación a tres anos.

VIVEIRO ASEGURA O CUMPRIMENTO DOS PROTOCOLOS NO COMERCIO

Finalmente, a alcaldesa de Viveiro mantivo esta mañá unha reunión con representantes das dúas asociacións de comerciantes do municipio, Centro Comercial Histórico de Viveiro e Beiras de Viveiro, para avaliar a situación e transmitir unha mensaxe de “tranquilidade”.

En Viveiro, os casos de Covid-19 están “totalmente controlados”, afirmou, e hai unha porcentaxe moi baixa en proporción co número de habitantes (13 positivos e 15.580 veciños e veciñas. Concello e comercio garanten que se cumpren os protocolos de seguridades e animan á xente “a saír á rúa mantendo as medidas de prevención”.

Nesta reunión, a alcaldesa comunicoulles a ambas asociacións que as bases para as axudas á reactivación económica se publicarán previsiblemente no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do próximo 22 de xullo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...