As xornadas de arqueoloxía marítima de Viveiro convalidarán como créditos da Uned

No encontro, os días 10 e 11 de novembro, presentaranse catro das sete investigacións declaradas "exemplares" pola Unesco no 2017

Presentación das xornadas de arqueoloxía marítima de Viveiro. AXM

A Federación Española de Actividades Subacuáticas (Fedas) e o Concello de Viveiro, en colaboración coa Deputación de Lugo, impulsarán o 10 e o 11 de novembro a segunda edición das Xornadas de Historia e Arqueoloxía Marítima. A Universidad Nacional de Educación a Distancia (Uned) concederá 0,5 créditos ECTS e un de libre configuración aos asistentes ás poñencias.

O viveirense Antón López, arqueólogo subacuático e director do equipo científico do Fedas no Noroeste de España, subliña que “a presenza da Universidade dá un aval ás xornadas”, que se celebrarán en sesión de mañá e tarde durante o sábado e matinal o domingo.

a uned concederá 0,5 créditos ects e un de libre configuración aos asistentes, que se poderán matrícular de balde

“PIONEIROS”

López resalta o carácter “pioneiro” deste proxecto no norte de España, xa que, precisa, “este tipo de xornadas son habituais no sur, en lugares como Cádiz ou Cartaxena, pero non aquí”. De feito, na véspera do encontro celebrarase, por primeira vez fóra de Barcelona, unha xuntanza do comité científico da Fedas.

NOVE RELATORIOS

O programa, que consta de nove relatorios, tocará todos os aspectos da cultura arqueolóxica martíma –pecios, lexislación, estruturas costeiras, industria pesqueira e arquitectura naval-.

PROXECTOS AVALADOS POLA UNESCO

López destaca a “incuestionable calidade” das xornadas, nas que se exporán catro proxectos de investigación dos sete a nivel mundial declarados “exemplares” pola Unesco na convención de París celebrada no 2017. Serán todas as investigacións que alcanzaron esta distinción en España.

o comercio do viño en época romana, a lexislación ou o legado do museo massó serán algúns dos temas a tratar

SÁBADO

O primeiro deles abrirá o programa, o sábado ás 10.00 horas. Gustau Vivar falará sobre os pecios de Cap del Vol e Cala Cativa, exemplos do comercio do viño no norte de Cataluña durante a época do emperador romano Augusto. Para as 11.30, ese mesmo día, está prevista unha exposición sobre a protección xurídica do patrimonio arqueolóxico subacuático en Andalucía, a cargo de Carmen García.

Ás 16.30 horas, tamén o sábado, Sol Blasco disertará sobre o pecio romano Bou Ferrer, unha nave mercante do século I. Desde as 18.00 horas, Rut Geli explicará a historia do naufraxio do Deltebre I, buque da flota militar inglesa que encallou na delta do Ebro no 1813, tras varios asedios a Tarragona.

o carpinteiro de ribeira xabier agote falará da reconstrución do buque baleeiro san juan

Xabier Agote, carpinteiro de ribeira da factoría vasca Albaola, falará da reconstrucción dun barco baleeiro, o San Juan, un proxecto financiado pola Unesco. Será o sábado, a partir das 16.30 horas.

Ángel Lozano, en representación da Armada Española, explicará desde as 19.00 horas do sábado o papel da institución no ámbito da arqueoloxía subacuática.

DOMINGO

A xornada do domingo comezará ás 10.00 horas, cunha charla sobre os establecementos romanos A Mare no golfo Ártabro, que pronunciará Susana Ricart.

pechará o evento unha charla sobre a nave flamenca atopada na praia de lago, en xove

O programa rematará cunha ollada a Galicia, cunha poñencia da directora do museo Massó de Bueu, Covadonga López de Prado, e un tema de Xove. David Fernández Abella ofrecerá un relatorio sobre a nave flamenca atopada en Lago.

MATRÍCULA

A inscrición nas xornadas será gratuíta e non haberá límite de prazas. Os interesados en anotarse poden facelo desde xa neste enlace da páxina web da Uned.

Na pasada edición matriculáronse 55 persoas, e nalgunhas charlas alcanzáronse os 80 oíntes. A entrada do evento, que se celebrará no salón de plenos do Concello, será libre ata completar aforo.

A alcaldesa de Viveiro, a socialista María Loureiro, e o edil de mar, Suso Fernández, participaron na presentación do evento.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here