A Mariña encadea por primeira vez tres días sen casos novos desde o inicio do brote

Segundo Sanidade, as 73 PCR realizadas foron negativas e tres pacientes recibiron a alta; o número de hospitalizados ascende de un a dous

Hospital Público da Mariña. CIG

A Consellería de Sanidade concretou este mércores que A Mariña acumula por primeira vez desde a localización do brote, á altura do San Xoán, tres días consecutivos sen que se detectasen novos casos. Na comarca hai confirmados 44 positivos activos, segundo o Servizo Galego de Saúde (Sergas), tres menos ca na actualización de onte por mor dun idéntico número de altas.

De acordo coa mesma fonte, as 73 PCR realizadas no día de onte foron todas negativas. O número de probas acumulado desde o inicio do brote é de 4.708.

A excepción dos datos ofrecidos o 28 de xuño, cando non se reportaron novidades, o crecemento dos novos positivos foi sostido e significativo desde a localización do brote ata o 10 de xullo, cando segundo o Sergas se localizaban na Mariña 182 casos activos e 209 acumulados (incluídos 27 altas). A propia Consellería de Sanidade admitiu que outros 15 infectados -nove deles recuperados- non figuraban na información de casos totais comunicada á opinión pública mentres que si estaban recollidos nun auto remitido ao Xulgado; cabe salientar que, con todo, a Xunta de Galicia non incorporou este desfase ao reconto que ofrece cada día.

Desde o 10 de xullo, o número de casos novos foise reducindo; de 23 reportados o 8, 36 o día 9 e 19 comunicados nesa mesma xornada, o 11 de xullo confirmáronse catro positivos máis, os mesmos ca o 12, mentres que o 13 se documentou só un.

O 14 non houbo ningún caso novo, segundo a información comunicada; o 15, un; o 16, tres; o 17, dous; o 18, un; o 19, cero; o 20, tres positivos máis, os mesmos ca o 21; os días 22 e 23 rexistráronse dous novos infectados por xornada; o 24, oito; o 25, ningún; o 26, un; e o 27, 28 e 29 de xullo, cero.

311 CONFINADOS

Desde o 10 de xullo, polo tanto, documentáronse 34 novos casos, aínda que o elevado número de altas concedidas, 169, fixeron que os casos activos minguasen ata os 47 actuais.

No Hospital da Mariña hai dous pacientes ingresados a causa da pandemia, un máis ca onte, segundo concretou o Sergas. Ademais, 311 persoas permanecen confinadas -once menos ca onte-, negativas pero en seguimento domiciliario, segundo a mesma fonte.

Finalmente, na residencia de Xove, onde días atrás detectouse o positivo dunha traballadora, non se documentaron casos novos nin entre o persoal -unhas 60 persoas- nin entre os maiores -140 usuarios, tendo en conta os residentes nos apartamentos tutelados-. Non hai máis positivos có da obreira nin nos xeriátricos da Mariña nin tampouco nos do resto da comunidade.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here