Presentada Turisgalicia, a primeira app turística da Mariña

A aplicación, con descarga de balde, ofrece información sobre praias, rutas e eventos e inclúe un sistema de xeolocalización para ubicar recursos turísticos

Presentación de Turisgalicia. AXM

Burela acolleu a presentación este xoves da primeira app de turismo, información e guía de lecer da Mariña, Turisgalicia, impulsada pola axencia ribadense Donapubli.

O proxecto xorde tras detectar a necesidade de ofrecer unha app integral que facilite e achegue aos usuarios os innumerables recursos que se atopan na Mariña. Turisgalicia recolle os lugares de interese, praias e roteiros da Mariña; unha guía de lecer nun apartado específico de axenda de constante actualización que inclúe todas as actividades de interese; unha selección de experiencias de turismo, deportes e lecer; unha oficina virtual de turismo; un apartado específico sobre o Camiño de Santiago con todos os recursos para o peregrino; a promoción do comercio local, con centenares de empresas; a localización de lugares onde ir con mascota.

Turisgalicia incorpora tamén, instrumentos exclusivos de enorme utilidade, entre os que destaca: un sistema de xeolocalización grazas ao cal, calquera usuario pode coñecer instantaneamente que recursos turísticos son os máis próximos á súa localización e como chegar a eles. Ademais, a app disporá dun apartado de información municipal de actualización diaria dos concellos colaboradores de Ribadeo, Barreiros, Riotorto, A Pontenova, Mondoñedo, Xove, Cervo, Foz, Burela, Viveiro, O Valadouro, O Vicedo e Alfoz.

COLABORACIÓN INSTITUCIONAL

A app, que xa está dispoñible para a descarga gratuíta nas distintas plataformas móbiles conta co patrocinio principal da Deputación de Lugo, e a colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Calidade Alimentaria dentro do seu programa Experiencias de Calidade, e a Secretaria Xeral de Política Lingüística. Ademais, de GDR Terras de Miranda, entre outras autoridades.

A xefa territorial da Consellería de Cultura e Turismo, María José Gómez; o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé; rexedores dos municipios colaboradores, entre eles o presidente da Mancomunidade da Mariña, Francisco Cajoto; a Responsable de Comunicación Turisgalicia, Marta Nogueiro; o presidente da Federación de Comercio da Mariña, José Carlos Paleo, e o presidente do GDR Terras de Miranda, Vidal Martínez-Sierra, entre outros, acudiron á presentación.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here