A Xunta descoñece a orixe de un de cada cinco casos diagnosticados no brote da Mariña

Dos 263 casos PCR diagnosticados positivos entre o 23 de xuño e o 27 de xullo na comarca, 216 están vinculados, pero ignórase o foco de contaxio doutras 47 persoas

Dúas persoas con máscaras en Burela. CARLOS CASTRO/EP/GC

A Consellería de Sanidade descoñece a orixe da infección dun de cada cinco casos de coronavirus detectados no brote da Mariña. En concreto, dos 263 casos PCR positivos entre o 23 de xuño e o 27 de xullo na Mariña, 216 están vinculados entre si, pero “no resto dos casos, aínda que moitos deles forman agregados, non se pode saber cal foi a súa posible fonte de infección”. Actualmente documéntanse na bisbarra 42 positivos, segundo o reconto ofrecido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) aos medios de comunicación.

Así figura nun auto do Xulgado contencioso administrativo número un de Lugo no que se fai mención a un informe do subdirector xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada, que arroxa estas cifras.

A Consellería de Sanidade mantivo publicamente, tanto nas notas de prensa enviadas como nas comparecencias públicas dos seus dirixentes, a mensaxe de que non existía transmisión comunitaria no brote da Mariña, se ben na normativa aprobada para adoptar medidas restritivas a fin de evitar contaxios recoñecía certa “transmisión oculta”, que agora se concreta en cifras.

Esta resolución do xulgado ratifica as medidas adoptadas o pasado 29 de xullo pola Consellería de Sanidade en relación co control do brote da Mariña.

Ademais, no auto faise referencia á boa evolución que traslada o informe da incidencia do brote, dado que na anterior análise reflectíase unha taxa positiva do 9,4% nos PCR realizados, mentres agora baixa ao 7,6%. Podes ler a información completa no Galicia Confidencial.

1 COMMENT

  1. Xa, un 20% dos casos, pero non, non existía transmision comunitaria.
    Por riba, a min saenme 260 casos oficiais (co de hoxe, das notas de prensa) e sen contar os 4 mariñeiros de burela non contados nin en santoña nin en burela….; mais incertezas e só unha certeza:
    o SERGAS mentiu !

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here