Os positivos na Mariña soben a 27 malia tres altas, con tres novos casos e unha “repositivación”

Tres mariñeiros do Punta do Xuncos, que tivo que regresar ao porto de Burela por síntomas dun tripulante, dan positivo en tests

Punta do Xuncos. WIKIPEDIA

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) documenta este sábado 27 positivos activos de coronavirus na área sanitaria da Mariña Lucense, un máis ca onte. Segundo o reconto ofrecido pola Consellería de Sanidade producíronse tres altas epidemiolóxicas con respecto á anterior actualización, pero tamén outros tres casos novos e unha “repositivación“, de acordo coa mesma fonte.

Con respecto ao buque Punta do Xuncos, que tivo que regresar ao porto de Burela por síntomas dun dos tripulantes, documentáronse tres positivos entre os 14 tripulantes a partir de tests realizados o pasado xoves, aínda que o Sergas mantén sobre estes casos a condición de “dubidosos” e ampliará estudos. Todos os traballadores permanecen illados.

Na última xornada efectuáronse 61 PCR, para un global de 5.299 probas realizadas.

Dos 27 pacientes, un permanece ingresado no Hospital Público da Mariña. Os outros 26 son atendidos en domicilio.

O número de confinados é de 343, cunha persoa máis en seguimento con respecto á anterior actualización.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here