IniciosociedadeFeijóo ve "en resolución" o brote da Mariña, con 30 casos, pero...

Feijóo ve “en resolución” o brote da Mariña, con 30 casos, pero mantén o límite de aforamento no ocio nocturno

Son catro positivos máis na comarca que os documentados o pasado día 9, cando o Sergas deixou de informar diariamente do abrocho; houbo 16 novos contaxios nas últimas dúas semanas

Publicada o

- Advertisement -

O presidente da Xunta de Galicia, o popular Alberto Núñez Feijóo, referiuse este mércores nunha rolda de prensa na que deu conta sobre as restriccións aprobadas para evitar contaxios na Coruña e os municipios da súa área, ao brote da Mariña Lucense, abrocho que ve “en fase de resolución” malia que por agora manterá -durante alomenos unha semana- as limitacións de aforamento ao 50% nos locais de ocio nocturno.

Cos datos existentes, os expertos cren que o brote da Mariña “atópase claramente en fase de resolución” e a evolución nos últimos días “está a ser moi boa”.

Na actualidade, dixo o presidente galego, hai 30 casos activos vinculados a este brote –que chegou a superar os 186 activos segundo os datos facilitados aos medios de comunicación– e os 16 novos casos detectados nas dúas últimas semanas “teñen rastrexabilidade e orixe coñecida”.

Con esta “evolución asistencial francamente boa”, Núñez Feijóo estimou que o brote está “en vías de resolución” e agradeceu a súa implicación e traballo á profesionais da área. No entanto, o comité decidiu manter polo momento a limitación de aforamentos ao 50% nos locais de lecer, a única restrición vixente que queda das adoptadas.

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, expuxo que no municipio hai un positivo, procedente segundo a Xunta dun “foco importado“, aínda que o rexedor fixo un chamamento á calma, dado que se realizaron probas PCR aos contactos achegados da persoa infectada sen detectar máis contaxios. Así, chamou á responsabilidade porque “temos que actuar todos moi ben e cumprir as normas e recomendacións sanitarias para controlar este virus”.

84 CASOS ACTIVOS NA PROVINCIA

Os 30 positivos activos concretados por Feijóo son catro máis dos que documentaba a Xunta de Galicia o pasado 9 de agosto, cando faleceu unha paciente con Covid-19 no Hospital da Costa. O día 10, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) deixou de subministrar diariamente aos medios de comunicación os datos deste foco, dado que, argumentou, os últimos positivos relacionados cos contaxios localizados á altura do San Xoán producíronse “a finais do mes de xullo”. Con todo, as restriccións no ocio nocturno continuaban, e o Goberno autonómico prorrogaraas hoxe.

O Sergas facilitou en diante datos da provincia. Segundo esta fonte, hai 84 casos activos na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, catro máis ca onte. Destes 84 pacientes, catro permanecen ingresados en plantas de hospitalización, dous no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) e dous no Hospital Público de Monforte. O Hospital Público da Mariña non ten pacientes hospitalizados por Covid-19.

No tocante ás residencias, o único positivo documentado na Mariña é o dunha traballadora do xeriátrico San Bartolomeu de Xove. Tras detectar este caso, semanas atrás, realizáronse probas PCR a todos os empregados e usuarios do centro de maiores, sen que se detectasen casos novos.

SANIDADE NON PECHA A COMARCA DA CORUÑA, COMO SI FIXO COA MARIÑA

Malia que o mandatario do Goberno autonómico amosou a súa “preocupación” polo feito de que o número de casos na área sanitaria da Coruña -92 por cada 100.000 habitantes- multiplique a media de Galicia -23 por cada 100.000-, polo de agora non haberá restriccións á mobilidade nesta comarca, como si houbo na Mariña Lucense cando se documentaban 99 positivos nun distrito sanitario de menos de 70.000 habitantes.

A XUNTA PROHIBIRÁ FUMAR AO CAMIÑAR POLAS RÚAS OU NAS TERRAZAS

Segundo expuxo Feijóo, esta medianoite entrará en vigor a prohibición de fumar ao camiñar nas rúas ou nas terrazas se non hai distancia de seguridade, a fin de evitar contaxios, medida que se aplicará en toda Galicia.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...