IniciosociedadeA ocupación hoteleira na Mariña remonta ata o 90% en agosto despois...

A ocupación hoteleira na Mariña remonta ata o 90% en agosto despois dun xullo nefasto polo brote

Tras unha primeira parte da tempada alta estival coa "metade" dos clientes do habitual polo abrocho, a boa resposta no mes máis esperado do ano aliviou un exercicio complicado e incerto

Publicada o

- Advertisement -

JUAN MAYA. Despois da hibernación forzosa por mor do estado de alarma, os hostaleiros e comerciantes agardaban a chegada dos meses de estío para volver a recibir novos clientes nos establecementos. Os meses de xuño e xullo trouxeron parellos un aumento do número de persoas contaxiadas de Covid-19 na Mariña polo brote e o número de visitantes decreceu considerablemente cando se comezaba a nota un lixeiro aumento. Con todo isto, a hostalería pechou o mes de agosto con cifras similares ás habituais mentres a recta final do ano se presenta cargada de incerteza e á espera dunha vacina.

 XULLO, “PEOR CA O PEOR MES DO ANO PASADO”

O Hotel Restaurante Rías Altas situado en Barreiros, abriu as súas portas o pasado 1 de xullo despois de dous anos pechados por mor das obras de ampliación e de retrasar a súa data de apertura inicial preto de catro meses.

“O que pasou aos poucos días de abrir o hotel, cando empezabamos a ter as primeiras reservas, foi que aumentaron o número de persoas que deron positivo nas probas e pegou un baixón brutal“, lamentou a propietaria, Tamara Rubiños.

“Aqueles quince días foron moi malos e podías perfectamente pechar ás nove da noite que non había xente“, asegurou.

A xerente de Oca Playa de Foz Hotel & Spa, Ana Lago, compartiu que para moitos negocios as caixas que fixeron a comezos do verán eran inferiores ao mes de novembro, que é “o peor mes do ano”. “Aquí na Mariña ese rebrote que tivemos afectou moito, mais por un lado foi bo que fora en xuño, porque de ser en agosto non seríamos capaces de recuperalo”, declarou Lago.

“as caixas que fixeron a comezos do verán eran inferiores ao mes de novembro, “o peor mes do ano”

No respectivo ao seu negocio, xullo foi un mes “moi malo“: “Cando o ano pasado rondabamos un 96% de ocupación, este ano non alcanzamos o 49%“.

Ante unha demanda menor, con constantes cancelacións, os hostaleiros víronse obrigados a facer cambios nos cadros de persoal. No Oca Playa optaron xa dende xuño por contar con dúas persoas menos na recepción e na cociña, seis en sala e unha menos nos pisos.

AGOSTO RONDA CIFRAS SEMELLANTES ÁS DE ANOS ANTERIORES

En contraste cos xuño e xullo, o turismo semella que se reactivou en agosto e o número de reservas aumentou até rondar niveis semellantes ao de anos previos. “Este ano imos pechalo en torno a un 91%, o ano pasado foi cun 99%”, informou Lago.

Trátase dunha caída en liña coa que tamén experimentaron no Hotel Ego -45 habitacións- e no Hotel Urban de Viveiro. A excepción de “esa segunda corentena que tivemos que vivir na Mariña”, a ocupación oscilou “en torno ao 90%, cando outros anos no mesmo período se atopaban “máis preto do 100%“.

O Hotel Restaurante Rías Altas dende o día 3 de agosto ata agora “estivo case ao 100%“.

A COBERTURA MEDIÁTICA DO ABROCHO, “CONTRAPRODUCENTE”

Lago apuntou tamén a que o “foco mediático” que se “impuxo” na Mariña polo abrocho foi “contraproducente” porque “saímos en todos os telediarios a nivel local, autonómico e nacional”. Algo que causaba confusión nos clientes mesmo semanas despois de que foran controlados os rebrotes xa que seguían a preguntar se “podían saír á rúa” ou “acercarse a Viveiro”.

SEN RESERVA PREVIA E CON ESTANCIAS MÁIS CURTAS, ASÍ FOI COMO SE VIAXOU

A diferenza do acontecido en anos anteriores, os clientes viaxaron con “moi pouca reserva previa“. Rubiños, sorprendida pola falta de previsión dos hóspedes, vía como o seu hotel se ía enchendo practicamente “dun día para outro” e mesmo presentándose no establecemento “á media hora de chamar ou directamente dende a recepción”. Isto dificultou as tarefas de planificación como “repartir as quendas de traballo ou os almorzos”, ao non seren capaces de estimar a taxa de ocupación.

“PREDOMINARON as estadías de dous ou catro días fronte ás superiores a cinco”

Tanto López como Lago tamén o percibiron nos seus respectivos negocios, aínda que esta segunda tamén apuntou a que as estancias este verán son máis curtas, sendo máis frecuentes as de dous ou catro días que as superiores a cinco. “Penso que se debe -dilucidou- ao medo de saber se poderán viaxar e tamén a que non todo o mundo ten a capacidade económica que tiña o ano pasado e non saben como será a situación dentro duns meses”.

DESPRAZAMENTOS EN COCHE E SEN TURISMO INTERNACIONAL

As rexións xeográficas dos clientes dos hoteis consultados presentan datos moi semellantes e a maioría deles viaxaron nos seus vehículos particulares. A súa procedencia, aínda que variada e repartida por todo o país, é maioritariamente de catro comunidades autónomas: Madrid, País Vasco, Cataluña e Asturias.

López tamén sinalou que nos anos anteriores houbo máis turismo internacional pero que grazas aos “habituais e fieis” lograron “salvar o verán“.

RESPECTO POLAS MEDIDAS DE SEGURIDADE E INTERESE POR EVITAR AGLOMERACIÓNS

Os clientes que se hospedaron no Hotel Restaurante Rías Altas resaltaron que alí se “evitaba falar da Covid constantemente”, algo feito intencionalmente por parte dos rexedores ao consideraren que as persoas saen da casa para “evidarse un pouco e desfrutar” e que non precisan que o local estea “cheo de cartelería“.

As tres empresarias salientaron a formidábel conduta dos clientes que, salvo “contadas excepcións”, tiveron presentes as medidas de seguridade e empregaron a máscara e o xel hidroalcólico.

“Penso que -asegurou Rubiños- este ano os clientes valoraron especialmente estar nun sitio cómodo e sen aglomeracións“.

Debido ás restricións nos aforamentos e de peche anticipado nos negocios de restauración, as hostaleiras notaron que a xente tende a cear antes para evitar os “momentos de máis xente” e de modo que poidan desfrutar durante máis tempo da comida e da sobremesa.

Con todo, López mostrouse crítica co proceder das administracións cando houbo restricións porque “recibían a información máis tarde” e “sempre pola prensa“. “Máis que nada para poder transladarlle as novas aos clientes”, afirmou.

INCERTEZA DE CARA A SETEMBRO E O FINAL DE ANO: “ESTÁ TODO NA CORDA FROUXA”

Setembro, e por conseguinte, os próximos meses, preséntanse cargados de incerteza para os hostaleiros. No caso do Oca Playa de Foz, a data de peche está fixada no 12 de outubro, xa que despois das perdas económicas que sufriron este ano “non podemos permitirnos seguir perdendo diñeiro”, expresou a propietaria.

“non podemos permitirnos seguir perdendo diñeiro”

Rubiños presaxia que en setembro vai haber “reservas de última hora e a xente viaxará con cautela” e que vai seguir a “tónica do mes de agosto“. Así mesmo, manifestou que se hai que volver a pechar, “é o que toca” e que “o primeiro é a saúde“.

Pola súa banda, López indicou que non están facendo previsións porque non queren “aventurarse” ao estar todo na “corda frouxa” e depender de se se “descobre unha vacina ou un medicamento”.

Lago, sabedora de que malia que as noticias non son “excesivamente boas“, pensa que a “esperanza é o último que se debe perder”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...