IniciosociedadeRibadeo acada os terreos para a mellora da estrada dos Garitos e...

Ribadeo acada os terreos para a mellora da estrada dos Garitos e insta á Xunta a achegar o financiamento

Suárez Barcia lembra que hai un acordo plenario unánime, a instancias do PP, para que o Goberno autonómico custee os traballos

Publicada o

- Advertisement -

O alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, referiuse este martes ao arranxo da estrada dos Garitos, o viario paralelo á liña do Feve, que comunica a estrada da Deputación con outra vía municipal, e que acolle tránsito habitual de camións de madeira. O rexedor asegurou que o Concello xa dispón dos terreos necesarios para proceder á súa ampliación, pero “segue pendente” da resposta da Xunta de Galicia.

“Desde hai anos todo o mundo acreditamos que é un sitio perigoso, que necesita ser amañado e ampliado, ata o punto de que as obras que se teñen que facer aí son moi importantes e cuantiosas”, sinala Suárez Barcia. O Concello estimara en 340.000 euros o investimento necesario para completar os traballos.

O rexedor ribadense lembra que, a instancias do PP, hai un acordo plenario aprobado por unanimidade para requerir ao Goberno autonómico a sinatura dun convenio para financiar as actuacións.

“Mentres tanto desde o Concello buscamos a saída legal, e atopámola finalmente, dado que os terreos polos que pasa ese vial non son municipais senón que son de Adif. Conseguimos unha concesión a un moi longo período de tempo e que nos permite ter a dispoñibilidade das parcelas para poder facer as obras de mellora e de ampliación. Pero as obras non as podemos facer se non temos os cartos”, argumentou Suárez Barcia.

O GOBERNO AUTONÓMICO “NON RESPOSTOU” AOS ESCRITOS ENVIADOS

Suárez Barcia explicou que “desde aquela foi pasando o tempo e fomos mandando escritos á Xunta para que se pronunciara. Finalmente nun pleno, a principios deste verán, volvemos unanimemente a esixir da Xunta de Galicia que se manifestara dándolle de prazo ata mediados de agosto porque para cumprir as querencias do PP de Ribadeo de que tiña que estar licitada este ano, para poder facelo canto antes, porque senón non podemos cumprir aquilo que o grupo municipal popular nos pide”, insistiu.

O rexedor engadiu que “mandamos de novo ese requirimento formal, estamos a 1 de setembro e seguimos sen saber nada. Evidentemente, por moitos terreos que teñamos, por moito proxecto que teñamos, se non temos os cartos… Tal e como dixeron que non había haber problema en financiar esa obra. Polo tanto todo isto demostra que unha cousa é falar, dicir que se vai facer e logo despois vese ás claras que pasa o tempo e outra vez é unha frustración. Oxalá me equivoque e, a raíz destas declaracións, mañá a Xunta de Galicia xa nos diga que, senón todo, vai financiar parte desta obra polo menos”, concluíu.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...