O PP de Ribadeo pide que se permita aos locais de ocio nocturno abrir temporalmente como bares

Os conservadores solicitan ao Concello que modifique a licenza de actividade para que os establecementos poidan traballar ata a unha da madrugada, como o resto da hostalería

Local de Ribadeo. WIKIPEDIA

Tras manter distintas conversas con propietarios dos locais de lecer nocturno en Ribadeo, o PP ribadense pide formalmente ao goberno local, a través dunha instancia, a modificación temporal da licenza de actividade dos locais de ocio nocturno para que poidan desenvolver a súa actividade ata a unha da madrugada “do mesmo xeito que outros sectores da restauración”, explican.

É dicir, os populares ribadenses piden ao goberno local que “escoite aos afectados” pola prohibición de apertura por mor do Covid-19 e que, polo tanto, “modifique a licenza para que os establecementos de ocio nocturno se convertan temporalmente en bares de día para os que está establecido o peche á unha da madrugada con motivo da covid-19”. Trátase dunha medida “adoptada xa noutros concellos do Principado de Asturias”, segundo manifesta o voceiro popular ribadense, Daniel Vega.

Os populares consideran que “o goberno local, que ten as competencias en concesión de licenzas de actividade, debe facilitar a habilitación de forma extraordinaria dun novo horario en sinal de apoio ao sector co obxectivo de tratar de reducir o efecto económico desta medida que na nosa vila está a afectar a un sector da hostalería”.

Así mesmo, matizan que “ao tratarse dunha modificación temporal quedaría sen efecto no momento en que se levante a medida de suspensión da actividade dos establecementos dedicados ao ocio nocturno” adoptada polo Goberno para o conxunto de España, e con efectos dende o pasado 16 de agosto, co obxectivo de contribuír a frear a pandemia de coronavirus.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here