Barreiros pide axuda á Deputación para a reforma do abastecemento en Remior, que cifra en 200.000 euros

O goberno local expón que a rede ten "máis de 60 anos" e sofre constantes roturas que afectan á veciñanza e ás explotacións gandeiras da zona

Visita da deputada provincial Mónica Freire a Remior, con integrantes do goberno local bipartito. AXM

A deputada de Medio Rural, a nacionalista Mónica Freire, visitou na tarde de hoxe a zona de Remior, onde o goberno municipal de Barreiros lle trasladou a necesidade de renovar a rede de abastecemento de auga potable.

Na visita a alcaldesa, a nacionalista Ana Ermida, acompañada de parte do equipo de goberno, tamén a segunda tenente de alcaldesa, a socialista Carmen Veiga, explicoulle que a rede que abastece dita zona ten “máis de 60 anos” e atópase nun estado “lamentable”, polo que se producen continuas roturas que afectan ao abastecemento da zona.

INCAPAZ DE SOPORTAR A PRESIÓN URBANÍSTICA EN VERÁN

“Ademais da problemática que pode existir en calquera zona, en Remior concéntranse aínda varias explotacións gandeiras que sofren continuos problemas de abastecemento, polo que a incidencia cando hai cortes ou roturas é aínda máis importante, pola necesidade de contar con auga potable que teñen os animais”, explicou Ermida.

Desde o Concello sinalan que “a situación xeográfica de Remior e o feito da elevada presión urbanística que ten sufrido a rasa costeira do municipio coa existencia de numerosas residencias vacacionais que son ocupadas só en momentos puntuais, provoca que os cambios de presión que soportan ditas canalizacións de auga potable con motivo do cambio de consumo da mesma, sometan á rede a un constante movemento de contraccións que, debido á antigüidade e material, non é capaz de soportar; provocando un elevado investimento en arranxos de roturas que só parchean o problema e, mesmo en ocasións, son causa de posteriores avarías que afondan nos problemas”.

O custo da renovación de dito tramo é superior aos 200.000 euros polo que “dito investimento é inasumible para o Concello en solitario, por iso decidimos solicitar a axuda á institución provincial, convencidas de que existe un compromiso inequívoco de cooperación e axuda co Concello de Barreiros e de que a solicitude será atendida na medida das posibilidades”, asegura Ermida.

O GOBERNO PROVINCIAL TRASLADA O SEU “COMPROMISO”

Freire trasladou o “compromiso” da área de Medio Rural da Deputación para colaborar co Concello de Barreiros na renovación da traída de auga potable, xa que “se os problemas que poidan existir na rede de abastecemento de auga potable teñen unha importancia crucial no referido á vida normal de calquera persoa e/ou familia, contar con un subministro estable e de calidade en explotacións agrarias de vacas é fundamental para o propio desenvolvemento da actividade.”

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here