Viveiro reclama a Xunta “alternativas” para que os locais de lecer nocturno poidan abrir en horario de bar

O Concello lembra a "situación económica" que están a vivir os empresarios do sector e expón que a tramitación dun cambio de actividade "pode ser complexa e non aplicable nalgúns casos"

Local de lecer nocturno en Covas. FACEBOOK

O Concello de Viveiro remitiu a pasada semana unha consulta á Xunta de Galicia con respecto á apertura temporal dos establecementos de lecer nocturno para exercer a súa actividade durante o horario de café bar. O goberno local solicita ao Executivo autonómico, “tendo en conta as manifestacións que nos formulou po sector”, que “se busquen as alternativas posibles para que os locais poidan abrir durante o horario de apertura dos bares”.

O goberno municipal pide tamén “que se valoren as medidas que, no seu caso, poderían adoptar tamén os Concellos para poder permitir que este tipo de negocios non teñan que permanecer pechados tanto tempo”.

Ademais da solicitude de información sobre as posibilidades que existen ao respecto e cal sería o procedemento a seguir por parte destes establecementos, solicítouse, expón o executivo municipal, que “no caso de non existir ningunha opción viable coa normativa vixente, se valorase por parte da Xunta de Galicia a adopción dalgunha medida ao respecto desta problemática que está a afectar a todos os municipios galegos”.

Dende o goberno municipal considérase que “a tramitación dun cambio de actividade pode resultar complexa e que incluso nalgúns casos, atendendo á normativa actual, podería non resultar viable; neste sentido, apelando á situación económica que está vivindo o sector, enténdese que resultaría máis apropiado que fose a propia Xunta de Galicia a que establecese as medidas necesarias para os establecementos de ocio nocturno puidesen exercer a súa  actividade como café-bar”, conclúe.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here