A asociación de axuda ao enfermo mental reclama máis esforzos en prevención

O colectivo advirte da repercursión que teñen sobre a saúde mental os contextos de violencia e acoso na infancia e na adolescencia

Usuarios e usuarias da asociación nunha visita a Marcelle

Nos últimos días, a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña levou aos centros sanitarios da comarca a mensaxe “Educación inclusiva, saúde mental positiva”. Baixo este lema celébrase este ano o Día da Saúde Mental -10 de outubro-, que desta volta pon o foco na mocidade.

A campaña, da que participan tamén outras asociacións galegas, incide na necesidade de fomentar unha boa saúde mental na infancia e na adolescencia, e chama na porta de todos os axentes educativos e, sobre todo, na da familia e na da escola.

PREVENCIÓN DESDE A INFANCIA

A asociación mariñá, que centra as súas accións no ámbito asistencial, esfórzase durante o mes de outubro nesta labor preventiva. A pasada semana, o colectivo visitou os centros de saúde de Cervo, Ribadeo, San Cibrao e Burela, onde distribuiron material informativo con indicacións sobre condutas favorables e desfavorables para a saúde mental.

Entre o 10 e o 20 por cento dos nenos e adolescentes teñen problemas de saúde mental, segundo FEAFES

“Sabemos que hai contextos que afectan negativamente. A violencia, o acoso, o culto á imaxe ou as adicións poden desencadear este tipo de doenzas, por iso reivindicamos unha educación inclusiva que xenere ambientes nos que os nenos se sintan cómodos, respetados e integrados”, comenta María José Nóvoa, directora técnica da asociación. “A adolescencia é unha etapa especialmente delicada, porque é un momento de cambios e de inseguridades”, engade.

Precisamente, á rapazada vai dirixida unhas das vindeiras propostas do colectivo. O martes, o grupo de teatro da asociación representará na Sala Bahía de Foz a obra “Eres único” que aborda a temática do acoso escolar. O próximo 17 de outubro levarana ao Vello Cárcere de Lugo.

DÚAS DÉCADAS

A asociación naceu en 1999 da man de familias de persoas con enfermidades mentais e nestas dúas décadas de traxectoria foi ampliando paulatinamente os seus servizos e programas. En 2013, abriu en Cervo unha unidade residencial especializada no tratamento destas doenzas única na provincia. “Foi o gran logro da asociación nestes anos de traxectoria”, recoñece María José. “Os recursos que se dedican a atender as enfermidades mentais sempre foron escasos e as carencias serán cada vez máis evidentes porque é unha problemática que medra”, explica María José.

A residencia da Bidueira conta con 25 prazas, algunhas delas privadas e outras concertadas co Servizo Galego de Saúde

A asociación conta ademais con dous centros de rehabilitación psicosocial e laboral en Ribadeo e Burela, e unha vivenda tutelada con catro prazas para residentes e unha de respiro familiar.

DÍA DA SAÚDE MENTAL

O vindeiro mércores, 10 de outubro, a asociación organiza unha xornada de portas abertas nos seus centros en horario de 10:00 a 13:00 horas. Ás 19:00 horas, na residencia da Bidueira celebrarán unha recepción institucional coa presenza do presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, e o alcalde de Cervo, Alfonso Villares.

No acto lerase un manifesto para transladar as necesidades e reivindicacións do colectivo aos poderes políticos e á cidadanía en xeral.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here