Concentracións na Mariña reclamando á Xunta medios para evitar contaxios nos centros educativos

Actos en Viveiro, Burela ou Ribadeo serviron para esixir a diminución dos ratios coa contratación de docentes e a realización de desdobres, a fin de garantir a distancia interpersoal

Concentración en Burela. AXM

Profesorado e familias da Mariña Lucense participaron este mércores nas concentracións convocadas polos sindicatos –CC OO, CIG, CSIF e STEG– e pola Confederación Galega de Asociacións de Nais e Pais de Galicia, a fin de protestar por unhas condicións de inicio do curso que entenden que non son seguras.

Actos reivindicativos en Burela, Ribadeo e Viveiro, ante a sé dos respectivos consistorios, serviron para reclamar á Xunta de Galicia a redución do ratio de alumnado nas aulas, a fin de garantir a distancia mínima de metro e medio para evitar contaxios de Covid-19, así como a realización de desdobres en todas as etapas educativas onde non se poida garantir o mencionado distanciamento.

Os convocantes critican que no caso do ensino secundario, FP e Bacharelato, cuxo inicio se prevé para a vindeira semana, a Consellería “emprace aos centros a empregar mamparas ou a recorrer á semipresencialidade para evitar contratar máis persoal docente”.

O BNG INSTA Á XUNTA A “DEIXAR DE ANTEPOÑER AFORRO A SEGURIDADE”

O deputado do BNG Daniel Castro asistiu á protesta de Burela, onde afirmou que “despois de 6 meses para ter preparado un protocolo de actuación fronte á Covid-19 é unha auténtica vergoña que a actuación que siga imperando sexa a da improvisación e dos bandazos”.

Así o expuxo a formación nacionalista a través dun comunicado, no que Castro reclama á Xunta que “o curso, neste caso de secundaria e FP debe comezar cun protocolo claro e deixar de cambiar as directrices a cada semana”, e esixiulle á Consellería de Educación que abandone xa a práctica de “antepoñer o aforro á seguridade“.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here