IniciosociedadeAs medidas anti Covid-19 nos institutos da Mariña ante o curso máis...

As medidas anti Covid-19 nos institutos da Mariña ante o curso máis complexo

Un total de 3.029 estudantes da comarca arrincarán a actividade escolar o mércores

Publicada o

- Advertisement -

O curso comezará o vindeiro mércores na Mariña para un total de 763 alumnos de Bacharelato e outros 2.266 de Ensino Secundario Obrigatorio (Eso). Un total de 3.029 estudantes da comarca comezarán a actividade lectiva nun exercicio que se presume especialmente complicado polo coronavirus, cos centros educativos tentando axustar no posible as medidas máis efectivas para previr contaxios. Mamparas, recreos e entradas e saídas por chanzos ou a utilización de espazos comúns como as bibliotecas, máis amplos cas aulas, para garantir a distancia interpersoal de 1,5 metros, son algúns dos recursos que se quitou da manga o profesorado nun verán esgotador, cheo de incerteza polas variacións da Xunta de Galicia no protocolo a aplicar.

RECREOS DIFERENCIADOS PARA O ALUMNADO E ENTRADAS E SAÍDAS POR CHANZOS

O director do IES de Foz, Nicolás Asensio, asegura que “temos todo preparado para un inicio. Estivémonos reunindo coas familias do alumnado de secundaria, son os de menor idade os que máis nos preocupan. É moi difícil reunirse, o que antes resolvías nunha tarde agora precisas dunha semana, así que nos veu moi ben a semana de marxe que tivemos para preparar. Hai cousas que non podemos calcular ata que vexamos como vai na práctica, así que seguramente cambiarán cousas co inicio do curso”, admite.

Respecto ás medidas adoptadas para evitar contaxios, entre outras, destaca que “as entradas e as saídas do centro serán por chanzos, e os recreos diferenciados por ensinanza. Teremos un profesor a maiores, o que nos vai permitir desdobrar un par de niveis nos que tiñamos bastante matrícula. Acadamos non ter que utilizar como aula ningún espazo específico, nin a biblioteca nin laboratorios nin aulas de informática. Tampouco teremos que poñer mamparas en principio máis que para a atención ao público; estamos medindo e cumprimos co metro e medio estipulado”, remarca.

“OS CENTROS NON TEÑEN POR QUE SER MENOS INSEGUROS QUE O RESTO DAS ACTIVIDADES”

“Na cuestión do comedor, seguramente necesitaremos máis espazo, dobrar quendas non resulta viable. Na rama de hostalería habilitaremos vestiarios diferentes, houbo pequenos detalles que houbo que solucionar”, explica.

“Sobre todo insistimos en tranquilizar ás familias, os centros educativos non teñen por que ser menos inseguros que o resto das actividades sociais. Que non veñan con medo. Agradezo a implicación do equipo directivo, creo que chegamos en boas condicións, pedimos a colaboración da comunidade educativa porque evitar contaxios é unha cuestión de todos”, salienta.

AS DIRECCIÓNS APELAN Á COMUNIDADE EDUCATIVA POIS VEN CHAVE CUMPRIR AS NORMAS “TAMÉN FÓRA”

O director do Ies Marqués de Sargadelos, Xosé Manuel Rubal, reforza esta idea. “Tentamos que o instituto sexa o espazo máis seguro posible para todos, pero se fóra do centro todas as partes -alumnado, profesorado, traballadores non docentes e familias- non siguen estrictamente as medidas, entón é cando de verdade pode haber problemas. Esta é unha zona rural na que moitos estudantes viven cos avós e non queremos por nada do mundo que poida espallarse o virus a persoas con patoloxías perigosas”, remarca.

Rubal responde un sábado desde o propio centro, ao que volverá ao día seguinte. “Estamos traballando todas as fins de semana desde mediados de agosto”, indica. Ve o inicio do curso “moi xusto” porque os profesores axudicados en setembro aínda non tomaron posesión e polas compras de material para cumprir o protocolo Covid-19 e o acondicionamento necesarios. “Se todos os institutos e colexios mercamos o mesmo ao mesmo tempo, os prazos de entrega demóranse”, salienta.

UTILIZACIÓN DOS ESPAZOS COMÚNS COMO AULAS PARA GARANTIR DESDOBRES

Respecto ás medidas adoptadas, enumera as seguintes: “acceso gradual ao centro; percorridos marcados; as aulas de desdobres están pegadas ás de referencia para reducir os desprazamentos polo centro; mamparas en informática e na sala de profesores; unha distancia de 1,5 metros alomenos entre todos os pupitres; dous recreos diferenciados por alumnado”. O espazo está usado ao completo para garantir a seguridade, incluíndo unha clase habitualmente utilizada para reunións e exames, na que terá o seu día a día un grupo de 24 alumnos.

O docente ve a preparación “caótica” pois estivemos “todo o verán sen normas ou cunha normativa pouco operativa, que se cambiou o último día de agosto, e logo aínda outra vez antes de comezar o curso”, lamenta. Tamén reclama a figura dun traballador sanitario nos centros, que “axudaría moitísimo, posto que o equipo docente Covid-19 non ten a formación sanitaria precisa para xestionar como é debido a sintomatoloxía”.

MAMPARAS

Desde o IES María Sarmiento de Viveiro, Elena Pérez espera tamén que se dispoña co tempo unha maior formación para todo o profesorado, porque “todos os docentes estarán implicados”. Preocúpanlle especialmente reforzar as gardas de entrada e saída do centro, “xa que hai varias que se van estar utilizando simultaneamente, especialmente polas mañás e ao mediodía”, remarca. O centro educativo recibe a máis de 750 estudantes, o que torna todo máis complexo.

A utilización de todas aulas específicas -como as de música e plástica, a biblioteca ou o salón de actos- para realizar desdobres -a Consellería concedeu catro profesores a maiores para reducir o ratio de alumnado nas aulas- ou mamparas nalgúns casos para garantir a seguridade, con certa complexidade na súa colocación para que poidesen coller nos propios espazos, son algunhas das medidas adoptadas.

MATRÍCULA

MATRÍCULA POR CENTRO/MUNICIPIO (ALUMNADO BACHARELATO/ALUMNADO ESO)

Alfoz 0/76

A Pontenova 33/71

Burela 162/352

Cervo 29/95

Foz 118/392

Mondoñedo 53/187

Ribadeo 150/420

Viveiro 218/597

Xove 0/76

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...