IniciosociedadeUnanimidade en Burela para axilizar a ampliación da residencia, que se abordará...

Unanimidade en Burela para axilizar a ampliación da residencia, que se abordará no Parlamento

O alcalde precisa tras unha moción do BNG que a Xunta ostenta o parque anexo ás instalacións, o que facilitaría os trámites; o PSdeG-PSOE levará a petición das familias á Cámara galega

Publicada o

- Advertisement -

A situación da residencia de maiores de Burela chegou ao pleno municipal e chegará ao Parlamento de Galicia, despois de que tanto PSdeG-PSOE como BNG presentasen iniciativas para mellorar os servizos coa creación do patio exterior para o xeriátrico, onde a comunidade recolleu sinaturas para que se habilite un espazo ao aire libre para os usuarios.

O centro de maiores, de titularidade da Xunta de Galicia, conta con 88 usuarios, pero carece dun espazo ao aire libre, polo que nun contexto marcado polo coronavirus e por brotes que ameazan con contaxios á poboación de maior idade, a máis vulnerable, non poden facer actividades no exterior.

O voceiro do BNG burelao, Mario Pillado, concretou que hai “unha praza anexa (á residencia), situada na Rúa Pardo Bazán“, que conta cun parque biosaudable. Segundo o concelleiro nacionalista “agora mesmo é unha praza pública, de libre acceso para a veciñanza polo que a normativa e o protocolo Covid-19 impide que sexa utilizada por residentes. A Xunta de Galicia, mediante a consellería de Política Social, quen xestiona este servizo, debe tomar a iniciativa e chegar a un acordo co concello de Burela, no marco das súas relacións institucionais”, expuxo.

1.000 SINATURAS A PROL DA CESIÓN

“Despois de coñecer de primeira man as demandas dos afectados”, que recolleron 1.000 sinaturas a prol desta xestión, que consistiría en, mediante un acordo entre Xunta e Concello, pechar o acceso ao parque para evitar risco de contaxios e facilitar o seu uso aos maiores, precisou Pillado, “pareceunos o mais lóxico someter este tema a debate e votación no pleno, para que Xunta e Concello cheguen a un acordo”, indicou.

O voceiro do Partido Popular, Manuel Rouco, e o alcalde, o socialista Alfredo Llano, aseguraron que tanto Concello como a Xunta demostraron o seu “compromiso” de xestionar a cesión do espazo, e que xa é “un feito consumado” que se “está a traballar” nesta xestión. O rexedor indicou que o propio Goberno autonómico sostén que ostenta a propiedade do espazo onde se ubica o parque, o que facilitaría o proceso. Finalmente, a petición dos socialistas, modificouse a iniciativa para instar a ambas administracións a axilizar os trámites para a creación do patio exterior e foi aprobada por unanimidade.

AS FAMILIAS ALERTAN DA “AFECTACIÓN PSICOLÓXICA” DOS USUARIOS

Pola súa parte, a secretaria provincial do PSdeG-PSOE e deputada autonómica, Patricia Otero, argumentou nas iniciativas rexistradas na Cámara galega que a residencia de Burela “precisa dun patio exterior para que os residentes poidan realizar paseos e actividade de física de mantemento diaria, xa que coa Covid-19 non poden facer saídas. Quero lembrar que esta residencia conta con usuarios que non son dependentes, e polo tanto poden saír libremente do edificio, pero coa pandemia viron minoradas as súas rutinas diarias”, expuxo.

17 DÍAS DE SAÍDA EN TODO O VERÁN

Otero remarca que dada a situación actual polas limitacións da Covid-19, as familias “alegan que estar sempre dentro do edificio, está afectando psicoloxicamente ás persoas usuarias que se atopan ben e que estaban acostumadas a realizar saídas diarias”, advirte. E lembra tamén que os “familiares de usuarios xa levan recollidas a día de hoxe máis de 1.000 sinaturas apoiando este petición”.

“Con este patio exterior poderán airearse, tomar o sol ou realizar exercicios de ximnasia de mantemento, xa que agora a pandemia impídelles saír do centro, xa que o edificio non contan con ningún espazo exterior”, advirte Otero. A maiores os propios familiares explican que: “É unha residencia aberta na que as persoas que están ben poden saír, pero coa Covid-19 só saíron os días 23 e 24 de xuño, porqué despois pecharon co brote que houbo, e agora puideron facelo 15 días de agosto, pero volveron a pechar polo aumento dos casos”.

CONSENSO PARA NOMEAR CRONISTA A HERMINIA PERNAS

Por outra banda, o pleno municipal aprobou por unanimidade o nomeamento de Herminia Pernas Oroza como cronista oficial de Burela. As tres forzas políticas da corporación -PSdeG-PSOE, PP e BNG- acordaran previamente propoñer á doutora en Historia, investigadora e docente no IES Monte Castelo para o cargo.

FESTIVOS

Tamén se aprobaron iniciativas do goberno para establecer os días festivos, que serán o 16 de febreiro (Martes de Entroido) e o 7 de xuño (o luns das festas patronais).

PLAN DE IGUALDADE

Tamén se debateu unha moción do Partido Popular sobre o Plan de Igualdade municipal. Requerida polos populares, a concelleira desta área, Noelia Ben, asegurou que o protocolo está “practicamente listo” e que pretende levalo a pleno “na segunda quincena de outubro”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...