Volven repuntar os casos de Covid-19 na provincia, con 26 positivos novos

Dos 477 contaxiados na área lucense 30 permanecen ingresados, un deles no Hospital da Mariña; aumentan a 790 as vítimas mortais do coronavirus en Galicia tras catro novas mortes

Unha traballadora sanitaria prepara probas de Covid-19. EFE/PACO SANTAMARÍA

O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo é de 477, 17 máis ca onte, segundo o reconto ofrecido este martes polo Sergas. Nas últimas 24 horas documentáronse 26 positivos novos e déronse nove altas.

Dos 477 contaxiados, 30 permanecen ingresados. Vinte e seis pacientes, entre eles os cinco de toda a provincia que requiren coidados intensivos, son atendidos no HULA; un no Hospital Público da Mariña, dous en Monforte e un no Polusa. Un total de 447 persoas pasan a corentena nos seus domicilios.

No histórico da provincia documéntanse 2.878 altas, 91 falecementos e 3.446 positivos acumulados desde o inicio da pandemia.

Todos os concellos da Mariña están en alerta 0 por Covid-19, con menos de sete casos novos nos últimos sete días e menos de 14 nas últimas dúas semanas.

RESIDENCIAS

No tocante ás residencias,  danse os seguintes positivos -só un na Mariña, no xeriátrico de Xove:

MAIORES

1 Apartamentos tutelados O Incio

12 Residencia O Incio

130 Residencia DomusVi Lugo (Outeiro de Rei)

TRABALLADORES

2 Residencia Orpea Lugo (Lugo)

9 Residencia O Incio

20 Residencia DomusVi Lugo (Outeiro de Rei)

1 Residencia de Maiores San Bartolomeu (Xove)

1 Residencia San Vicente de Paúl (Lugo)

4.510 CASOS EN GALICIA, 36 MÁIS

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.510 (36 máis); deles 745 son da área da Coruña, 477 da de Lugo, 1.563 da de Ourense, 469 da de Pontevedra, 496 da área de Vigo, 624 da de Santiago e 136 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 40 están en Uci, 210 en unidades de hospitalización e 4.260 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 22.123 persoas curadas, rexistrándose 790 falecementos. Nas últimas horas rexistráronse dúas novas mortes en centros hospitalarios, trátase de dous homes de 80 e 88 anos, que estaban ingresados no Hospital de Verín. Ambos presentaban patoloxías previas.

Ademais, na xornada de onte rexistráronse dous falecementos en centro residencial. Trátase dunha muller de 89 anos na residencia de maiores dos Gozos (Pereiro de Aguiar) e un home de 88 anos na residencia de maiores Val de Monterrei. Ambos presentaban patoloxías previas. O número de PCR realizadas é de 556.927.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here