IniciosociedadeA residencia de Cervo, sen ascensor por avaría, ergue maiores "ás cinco...

A residencia de Cervo, sen ascensor por avaría, ergue maiores “ás cinco da mañá” pola “falla de persoal”

O BNG cuestiona a concesión a Mensajeros de la Paz; o Concello afirma que pedirá responsabilidades á empresa pola inoperatividade do elevador

Publicada o

- Advertisement -

O BNG de Cervo denunciou este luns a través dun comunicado de prensa “graves anomalías” na xestión da residencia da terceira idade de San Cibrao, que ostenta Mensajeros de la Paz. Os nacionalistas criticaron a decisión do Concello de Cervo de renovar a concesión do servizo por un ano, prorrogable a dous, cando a calidade asistencial sofre un “deterioro inadmisible”, afirman.

Os concelleiros da formación frontista, Diego Fernández e Xorxe Caldeiro, expoñen por unha banda que a falta de persoal provoca que “persoas internas con dormitorios no terceiro andar do edificio son levantadas por orde da dirección do centro a partir das cinco da mañá e non a partir das sete e media, como fixa a norma interna”. Unha situación que o Bloque cervense cualifica de “inhumana e motivo de revisión da concesión, xa que a mala praxe empresarial non pode, nin debe, ter nunca consecuencias nas persoas usuarias”.

Ademais, denunciaron que “unha avaría no único ascensor existente na residencia-centro de día, cuxa reparación non se prevé en varias semanas, condiciona gravemente a calidade asistencial das persoas residentes”.

“A ausencia de ascensor operativo fai que a louza e cubertos de servizos se freguen nos propios cuartos, ou que todo o material de comidas ou lavandaría suba e baixe por escaleiras desde o soto do edificio, onde se sitúan a cociña e a lavandería, causando cuantiosos trastornos de intendencia e servizo que deterioran a calidade asistencial”, argumentan os nacionalistas cervenses, que sosteñen que “un edificio construído para ofrecer un servizo destas características non pode ter un único ascensor”.

Este “grave problema estrutural”, proseguen, “alén de incrementar notablemente o traballo do persoal, fai que as dificultades para a mobilidade dalgunhas persoas internas empeoren gravemente, ou que os cuartos acaben convertidos en vertedeiros de louza e cubertería usada nalgúns servizos de habitación”, critican.

UN ANO MÁIS DE XESTIÓN, PRORROGABLE A DOUS

Fernández e Caldeiro expoñen que o BNG “leva un ano cuestionando” a xestión que fai Mensajeros de la Paz. “Hai un ano denunciabamos as malas prácticas desta empresa, a nefasta xestión de persoal, e a ausencia de seguimento e control por parte do goberno local no cumprimento do prego de condicións da privatización, causando hai un ano, e tamén hoxe, graves consecuencias nas persoas usuarias”, afirmaron os concelleiros nacionalistas.

A formación frontista censura así mesmo o papel do equipo de goberno municipal, que “lonxe de exercer as súas responsabilidades para velar pola excelencia na atención as persoas renovou o pasado 14 de xullo a concesión a Mensajeros de la Paz por un ano, prorrogable a dous, malia a mala xestión empresarial, como dan conta o recambio da práctica totalidade do cadro de persoal, cambios na dirección, ou organización de quendas con periodicidade dun mes no canto dun ano que se cambian cando o centro recibe a visita da inspección de traballo”, conclúe.

O GOBERNO LOCAL DI QUE A CONCESIONARIA TEN A OBRIGA DO MANTEMENTO DAS INSTALACIÓNS

A edil de Servizos Sociais, a popular Pilar Armada, respondeu aos concelleiros do BNG lembrando que “aínda que xa deberan estar ao tanto polo cargo que representan”, as instalacións do centro de día-residencia contaron con todos os informes de inspección favorables no seu día, “que acreditan que dispón de todos os servizos que marca a normativa para un centro destas características”, o que inclúe un ascensor como o que dispón.

Armada, quixo aclarar, non obstante, que desde o Concello de Cervo, xa lle requirimos á empresa concesionaria “que repuxese con urxencia o servizo do elevador”; cuxas tarefas de mantemento están entre as súas obrigas; e precisan que lle pedirán responsabilidades por mantelo inoperativo durante días, co correspondente prexuízo que isto supón para as persoas usuarias e para os traballadores do centro.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...