IniciosociedadeUnanimidade no pleno municipal e no Parlamento para a creación dun terceiro...

Unanimidade no pleno municipal e no Parlamento para a creación dun terceiro xulgado en Viveiro

Unha proposta do BNG, transaccionada co Partido Popular, foi aprobada no Hórreo para dotar á Mariña do servizo "cando se dean as condicións obxectivas"

Publicada o

- Advertisement -

A comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior, do Parlamento de Galicia celebrada este mércores, aprobou por unanimidade unha proposición non de lei (PNL) do BNG -transaccionada co Partido Popular– que pide a creación dun terceiro xulgado en Viveiro cando a criterio da comisión mixta entre o Tribunal Superior de Xustiza e a Xunta de Galicia “existan as condicións obxectivas da necesidade” para iso.

Esta proposta defendida polo deputado nacionalista Daniel Castro busca reducir a demora na incoación de asuntos civís coa creación deste terceiro xulgado no partido xudicial de Viveiro. Trátase dunha vella demanda que o pasado martes gozou tamén da unanimidade no pleno municipal, no que a corporación viverense apoiou unha iniciativa da alcaldesa, María Loureiro.

Na súa exposición de motivos, Castro explicou que “desde hai aproximadamente 15 anos, os dous Xulgados de Primeira Instancia e Instrución de Viveiro levan sufrindo unha sobrecarga de traballo que lles impide ter un correcto funcionamento deste servizo público esencial e de igual maneira provoca un tremendo desgaste nos seus traballadores”.

SOBRECARGAS DE TRABALLO DO 61%, CON PICOS DE ATA O 130%

Unha situación que provoca un “atraso continuado“, que en cifras reflíctese nunha sobrecarga de traballo dun 61%, documentada nun informe de 2019, na xurisdición civil en relación aos módulos aprobados polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) e o Ministerio de Xustiza. Segundo sinalaron propios traballadores, a carga de tarefas chegou a ser do 215% e mesmo do 230% -trala folga da Xustiza do 2018-; isto é, neses picos os funcionarios asumen máis do dobre dos labores que poden chegar a facer.

No tocante ao eido penal, o indicador de entrada do mencionado dossier, atópase “dentro dos módulos de referencia (77%), mais tamén cabe engadir que presentan unha clara tendencia ascendente”, indicou o parlamentario nacionalista, que criticou a “inacción” tanto de Xunta de Galicia como Goberno do Estado ante esta situación, da que os últimos afectados “son os cidadáns galegos, pasando polos traballadores que se ven sometidos a xornadas maratonianas de traballo, aumentando as súas horas laborais e sen ningún tipo de remuneración extra”. Castro resaltou ademais que no mes de outubro o Xulgado nº 2 “recibiu a terceira inspección oficial en menos dun ano”.

MEDIDAS DE APOIO

Finalmente, a PNL da formación frontista -“instar á Xunta de Galicia a iniciar os trámites, previa dotación orzamentaria, para a creación dun terceiro xulgado no partido xudicial de Viveiro e ao Gobierno de España para a súa aprobación”- foi matizada polo partido conservador.

A segunda parte do acordo inclúe “manter ou ampliar no eido das competencias que lle son propias, as medidas de apoio que a Comisión Mixta estime adecuadas para resolver a sobrecarga de traballo de asuntos civís que existe nos xulgados de Viveiro”.

45.000 MARIÑAOS AFECTADOS POLOS ATRASOS

A nivel municipal, a moción do goberno local resaltaba que “os Xulgados de Viveiro veñen sufrindo unha elevadísima carga de traballo, constatada polas inspeccións realizadas nos últimos anos, que está a afectar aos máis de 45.000 mariñaos que dependen do mesmo -veciños de OurolO Vicedo, Viveiro, XoveCervoBurela e Foz”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...