IniciosociedadePP e Concello polemizan polo "abandono" do antigo asilo de Foz

PP e Concello polemizan polo “abandono” do antigo asilo de Foz

Os populares piden ao goberno local que negocie un convenio para que o edificio acolla a asociacións e o executivo municipal acúsaos de "vender fume" con "propostas irrealizables"

Publicada o

- Advertisement -

Partido Popular (PP) e goberno de Foz polemizaron este luns pola situación do edificio do asilo da localidade, que despois de dous anos sen actividade “está abandonado“. Os conservadores quéixanse do deterioro das instalacións, nas que prevén “moitos problemas nuns poucos anos”, e propoñen ao goberno local a sinatura dun “convenio” para “dar acollida a asociacións“, mentres que o executivo municipal lembra que se trata dun edificio privado e acusa aos populares de “vender novamente un proxecto irrealizable“.

O voceiro do PP focego, Javier Castiñeira, alerta de que, trala apertura da residencia de Foz, “son moitas as queixas dos veciños que pasan por alí e comproban que o edificio non está coidado nas condicións que merece”, lamenta, para engadir que, “de manterse a actual situación de abandono, en poucos anos o edificio vai ter moitos máis problemas”.

CASTIÑEIRA ARGUMENTA QUE É UN INMOBLE “PROTEXIDO NO PXOM”

O edil popular reclama ao Concello que “busque solucións cos propietarios“, dado que “a conservación do patrimonio inmobiliario público e privado é unha das obrigas dos gobernos municipais, que dispoñen de ferramentas e recursos de moi distinto tipo para materializar esta obriga”. O concelleiro conservador asegura que o xeriátrico figura como ben protexido no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), sostendo que se trata dun dos elementos “máis importantes que ten o noso patrimonio”.

“Non estamos nada de acordo coa resposta que deu o alcalde, que veu a dicir que o Concello non ten nada que ver neste asunto porque se trata dun edificio privado. Claro que ten que ver; é un edificio singular, e o Concello sempre mediou para que esa institución saíse adiante e o edificio debe ser conservado”, manifestou Castiñeira, que apuntou que “algunhas das solucións poderían ir encamiñadas a dar acollida a asociacións mediante un convenio que permitise manter o edificio en boas condicións mentres non haxa unha solución definitiva”.

“É UN EDIFICIO PRIVADO E HAI UN TESTAMENTO”, LEMBRA CAJOTO

Pola súa banda, o alcalde de Foz, o socialista Fran Cajoto, remarcou que o edificio do antigo asilo e os terreos anexos son propiedade privada, da Fundación Martínez Otero, e o Concello non ten “ningún dereito nin obriga” sobre ese inmoble.

Cajoto afirmou que “o Concello de Foz pretende que un edificio tan emblemático como é o vello asilo non derive nunha ruína e niso está a traballar, cunha relación cordial e fluída co Padroado da Fundación, baseada no respecto e na lealdade. O que non imos facer en ningún caso é saltarnos a lexislación vixente nin tampouco faltar á verdade. Existen leis e normas e os representantes políticos debemos explicar a realidade, non adulterala”, expuxo, para incidir en que “espera” que “isto non sexa unha manobra política para tratar de evitar que a situación do asilo se resolva definitivamente”.

“O asilo e os seus terreos anexos, propiedade da Fundación Asilo Martínez Otero, están destinados a un fin conforme a un testamento“, concretou Cajoto, que precisa que “o actual portavoz do PP sábeo ben, xa que na súa etapa de rexedor era membro nado do Padroado na súa condición de alcalde. Que explique publicamente se son legais as propostas que fixo conforme ao testamento. Que aclare se a Xunta de Galicia, responsable de velar dos fins da fundación a través do protectorado que exerce, o ve viable, posible ou factible”, afonda.

O REXEDOR LEMBRA A PROMESA DUN AUDITORIO NA HORTA DO RECINTO

O rexedor focego acusa a Castiñeira de “xogar coa veciñanza” e “enganar, tratando de venderlles aos veciños cada certo tempo un proxecto irrealizable”. Deste xeito, lembrou a promesa dun megaporto deportivo, “imposible e inviable por unha cuestión tan clara como a falta de calado para as embarcacións”, e tamén dun auditorio na horta do asilo. “En novembro do 2018 declaraba que había acordo co Padroado da Fundación Martínez Otero para a cesión dos terreos e que para o financiamento plurianual xa tiña prevista a reunión con Feijóo: todo era fume”, concluíu Cajoto.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...