O BNG anuncia emendas por 14 millóns aos PGE para cumprir “demandas históricas” da Mariña

A A-74, a apertura do dique norte de Morás ou a mellora do servizo do Feve, incluídas as frecuencias, son algunhas das propostas que a formación frontista presentará no Congreso

Néstor Rego, no Congreso. AXM

O BNG anunciou este venres as emendas que presentará a vindeira semana no Congreso dos Deputados, a través do seu deputado, Néstor Rego, aos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) e que atinxen directamente á Mariña Lucense. A formación nacionalista asegura que nelas recóllense “moitas das demandas históricas” da bisbarra.

O Bloque denuncia que A Mariña presenta “un importante déficit en materia de infraestruturas desde hai varias décadas, un feito constatado e denunciado en moitas ocasións pola sociedade mariñá”.

“Os sectores económicos e produtivos da comarca sofren día a día as consecuencias do abandono a que os diferentes gobernos do Estado, do PP e do PSOE someteron e someten a esta comarca”, expón a formación frontista, conclusión das “reunións mantidas ao respecto na comarca desde que o BNG volveu a acadar representación no Congreso hai agora mesmo un ano”.

“NON É ADMISIBLE” QUE SE DEDIQUEN 400.000 EUROS Á AUTOVÍA DA MARIÑA

Para o BNG “non é admisible” que o goberno do Estado siga sen impulsar a A-74 Barreiros-San Cibrao, consignado únicamente “partidas testimoniais” (400.000 euros para a redacción de varios proxectos) para a mesma. Por eso o BNG emenda ese apartado propoñendo que se destine “unha cantidade suficiente para o inicio desta infraestrutura no 2021″. Así, reclama que se dispoñan cinco millóns para iniciar as obras.

Tamén propón o BNG incluír nos orzamentos a redacción do Proxecto de adaptación do dique norte de Morás para a súa liberación para usos comerciais, por 500.000 euros. “Unha infraestrutura sobre a que chegou a haber unanimidade a nivel político pero que os diferentes gobernos do Estado non executaron”, critican os nacionalistas.

“A mellora da rede ferroviaria de Feve, mellorando o mantemento da mesma, remodelando estacións e a ampliación de frecuencias nas liñas –tralo estado de alarma, Renfe só deixou un viaxe diario por sentido na liña Ferrol-Ribadeo– tamén son outras das propostas nas emendas, para que este ferrocarril funcione coma un verdadeiro servizo de cercanías“, resalta o Bloque.

ARRANXO E SEGURIDADE NAS ESTRADAS

No tocante ás redes viarias dependentes do Estado, o BNG pedirá no Congreso a dotación económica para solucionar eivas como “os dous cruces de Cangas de Foz e mais da Corredoira na N-642, a prolongación do terceiro carril na N-634 na subida á Xesta (400.000 euros), a construcción do acceso central ao vial de acceso ao porto comercial de Ribadeo, o acceso de Ribadeo á A-8 dirección Asturias (600.000 euros), e tamén a rexeneración do firme da N-634 entre Lourenzá e Barreiros (un millón)”.

INICIATIVAS NO EIDO AMBIENTAL

A nivel medioambiental, o BNG considera “unha necesidade urxente” a construcción dunha Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) en Barreiros (dous millóns), así como tamén a restauración hidrolóxico ambiental do cauce e das marxes do Río Masma entre Foz e Barreiros no tramo de 3,5 quilometros de afección de Costas (500.000 euros). Tamén se propón a rehabilitación como senda verde a Vía do Tren Mineiro entre A Pontenova e Ribadeo, con 1,5 millóns, e mais o proxecto “Ruta das Cetáreas” de Rinlo.

Consultas as emendas nesta ligazón. EMENDAS ORZAMENTOS DO ESTADO 2021

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here