Ribadeo renumera vivendas na vila e nas parroquias para evitar devolucións de Correos

A última actualización data de 1996, cando se renovou o Padrón de Habitantes

Casco histórico de Ribadeo. AXM

O Concello de Ribadeo anunciou a través dun bando a contratación dun servizo de renumeración de vivendas tanto na vila como nas parroquias.

A medida parte da necesidade de fixar a cada casa o número que lle corresponde para evitar devolucións por parte do servizo estatal de Correos.

Segundo explica o alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, Correos “ten establecido como práctica institucional que cada carta ou paquete que adoeza dunha correcta dirección postal é devolta sen máis contemplacións”.

O rexedor sinala que este problema estase a producir “nalgunhas vías con existencia de duplicados”.

A última actualización da numeración das vivendas, segundo o goberno local, data do 1996, cando se renovou o Padrón de Habitantes.

CUSTO DE 9.000 EUROS

O custo do servizo será de 9.000 euros, procedentes de fondos propios. Suárez Barcia sinala que o traballo de campo está “avanzado”, pero que a empresa adxudicataria “irá a moitas vivendas, nas que se acreditará como é preciso”.

O rexedor solicita a colaboración dos propietarios para que non existan duplicados e se evite deste xeito a devolución das cartas.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here