Viveiro vístese de Nadal desde esta fin de semana co alumeado e o belén a tamaño natural

O Concello pide respectar o protocolo Covid-19 para "Viveiro ante o berce" e planificar as visitas ao nacemento para evitar as horas puntas e producir aglomeracións

Figura de Viveiro ante o Berce. AXM

O Concello de Viveiro informa de que o próximo sábado, 5 de decembro, ás 18.00 horas, terá lugar o acendido das luces de Nadal no municipio. Ademais, continuando cos actos tradicionais destas datas, o domingo 6 de decembro, ás 10.00, abrirase ao público o belén “Viveiro ante o berce”, no atrio da Igrexa de Santa María. Por mor do contexto sanitario, este ano, o belén abrirase ao público sen facer un acto de inauguración, co obxectivo de evitar aglomeracións.

A visita a “Viveiro ante o berce”, o nacemento a tamaño natural instalado no enclave histórico-monumental, contará cun protocolo Covid-19 que engloba as seguintes medidas: a visita só pode realizarse nun sentido, estando habilitadas unha única entrada e unha única saída; o uso de máscara é obrigatorio; os visitantes deberán circular sempre seguindo o percorrido marcado e respectando a distancia de tres metros con outros visitantes e/ou grupos; nos accesos ao belén, o público que estea esperando deberá respectar tamén o mesmo espazo; está prohibido tocar calquera elemento do decorado; os visitantes respectarán en todo momento as indicacións do persoal; prégase que, unha vez rematada a visita, os visitantes abandonen as inmediacións do recinto para evitar aglomeracións na saída.

O Concello informa asemade de que se reforzará a vixilancia, especialmente nas horas puntas, no nacemento, organizado polo goberno local coa Asociación Amigos do Casco Vello, resposable da montaxe, financiado integramente pola Deputación de Lugo.

Dende o goberno local animan a “planificar esta visita” para “acudir nos momentos menos concorridos“, co obxectivo de evitar aglomeracións. Por último, o Concello de Viveiro “apela á responsabilidade individual para cumprir coas medidas establecidas polas autoridades sanitarias e poder gozar así das actividades propostas este Nadal a pesar do contexto sanitario”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here