A Xunta permite a mobilidade para visitas e insiste en recomendar un único núcleo familiar nas celebracións

O Goberno autonómico abre o abano a que tres unidades de non conviventes poidan xuntarse en Noiteboa ou Nadal, cun límite de seis persoas

García Comesaña, na rolda de prensa. CONCHI PAZ/XUNTA DE GALICIA

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou está mañá en rolda de prensa dos diferentes axustes acordados pola Xunta de Galicia trala reunión, o pasado luns, do comité clínico de expertos sobre o Plan de Nadal galego, elaborado de cara ás xuntanzas dos próximos días.

Na compaña do secretario xeral técnico de Sanidade, Alberto Fuentes, o xerente do Sergas, José Flores; e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán; García Comesaña precisou que entre as 00.00 horas do día 23 de decembro e as 23.00 horas do día 25 permitirase a mobilidade de persoas con motivo das visitas familiares, incluso naqueles concellos que se atopan perimetrados.

Esta mobilidade adicional tamén será extensiva para aquelas persoas que visiten a nosa comunidade durante estas datas, e polo mesmo motivo.

Entre as modificacións anunciadas tamén se inclúe a ampliación da mobilidade nocturna na xornada de Noiteboa pois, nesa data, o retorno aos domicilios poderá ampliarse até as 1.30 horas, no lugar do horario máximo das 23.00 horas que rexerá nos restantes días.

COMPOSICIÓN DOS GRUPOS FAMILIARES

Sobre as xuntanzas familiares, a principal recomendación da Xunta de Galicia é que estas reunións se integren unicamente por persoas que pertenzan á mesma unidade familiar, sendo esta unha modalidade na que non existiría límite no número de persoas.

Nun segundo chanzo, o Executivo galego recomenda que as xuntanzas se cingan a un máximo de dúas unidades familiares, introducindo como límite a cifra de 10 persoas, para respectar o establecido no Plan elaborado polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.

Por último, a terceira opción proposta pola Xunta fai referencia as xuntanzas compostas por máis de dúas unidades familiares, unha situación na que non se debe exceder a cifra de seis persoas adultas, e un máximo de catro nenos con idade non superior aos dez anos.

O conxunto destas medidas pode ser obxecto de novas modificacións de acordo á evolución epidemiolóxica de Galicia na vindeira semana; así, o próximo 28 de decembro o comité clínico voltará reunirse para avaliar os datos dos festexos do Nadal.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here