Os casos en 14 días seguen á alza en Viveiro, 44, e Xove, 17; 3 maiores positivos no Hospital Asilo de Ribadeo

O Hospital Público da Mariña queda cun único paciente con coronavirus tras dúas altas

Hospital Asilo de Ribadeo. GOOGLE MAPS

O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo baixa a 356, catro menos ca onte, segundo o reconto ofrecido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). Nas últimas 24 horas confirmáronse 26 positivos novos por PCR.

Dos 356 contaxiados, 13 permanecen ingresados. O Hospital Público da Mariña atende un paciente con Covid-19, por once o HULA -entre eles os catro da área sanitaria lucense que requiren de coidados intensivos– e un o centro hospitalario de Monforte.

No histórico da provincia documéntanse 144 defuncións, con 6.339 altas e 6.841 casos acumulados. Fixéronse 119.586 PCR, o que implica que nas últimas 24 horas efectuáronse un total de 844 probas.

No tocante á situación epidemiolóxica por municipios, en Viveiro soben de 40 a 44 os positivos novos nos últimos 14 días, cunha taxa de incidencia acumulada superior aos 250 por 100.000 habitantes; nesta mesma situación está Xove, con 17 positivos detectados (dous máis ca na anterior actualización) nas últimas dúas semanas. En Burela localizáronse 16 contaxios nese mesmo período. Os restantes municipios da Mariña están por debaixo das dez infeccións no prazo mencionado.

OS RESIDENTES FORON TRASLADADOS A UNHA RESIDENCIA MEDICALIZADA EN SANTIAGO

Por outra banda, en Ribadeo detectáronse tres positivos de maiores no Hospital Asilo de San Sebastián e San Lázaro, dentro dos cribados periódicos que o Sergas realiza nos xeriátricos e centros de maiores. Segundo expón o Concello, “estas tres persoas atópanse con sintomatoloxía leve e foron trasladadas a unha residencia médica que a Consellería de Sanidade ten habilitada para estes casos en Santiago de Compostela. Polo momento quedan suspendidas as visitas aos usuarios”, concreta.

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, concretou que a “totalidade dos traballadores e residentes están a ser chamados a facer unha nova proba para estar seguros da situación á que nos temos que enfrontar. Por parte da dirección xa se activaron os plans de continxencia”, remarcou.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here