Aprobadas as bases do Plan Único da Deputación para 2021, con 21,5 millóns de euros

O programa de cooperación cos Concellos saíu adiante cos votos de PSOE e BNG, que valoran a rapidez na aprobación do documento, e a abstención do PP, que botou en falta máis fondos

Rolda de prensa da Deputación de Lugo. AXM

O goberno bipartito da Deputación de Lugo sacou adiante as bases do Plan Único de Cooperación cos Concellos 2021 no pleno da corporación provincial celebrado este martes. PSdeG e BNG votaron a favor do documento, mentres que o PP abstívose.

O presidente da institución provincial, o socialista José Tomé, subliñou que a aprobación das bases no ano anterior ao da súa vixencia, por primeira vez dende que existe o plan, “é unha das novidades do programa de investimentos, xunto coa subida da dotación económica ata os 21,5 millóns, a posibilidade de imputar gastos de contratación de persoal dende principios de ano e a apertura dunha nova vía de apoio ao sector servizos para favorecer a recuperación dunha das actividades económicas máis gravemente afectadas pola crise da Covid-19“, argumentou.

INSTRUMENTO “CRUCIAL” EN PLENA COVID-19

A voceira socialista do goberno provincial, Pilar García Porto, subliñou que a Deputación aumenta a dotación económica do Plan Único ata alcanzar os 21,5 millóns, unha cantidade que se chegará coa incorporación de remanentes. “Con esta decisión seguimos reforzando o principal instrumento de cooperación cos concellos que temos na Deputación. Isto é especialmente importante nun ano no que os concellos teñen máis necesidades polos efectos da crise sanitaria, sobre todo aqueles máis pequenos nos que boa parte da actividade depende dos recursos económicos aportados polo goberno provincial”.

Ao mesmo tempo, a Deputada puxo en valor esta decisión “ao cumprir co recollido no pacto de goberno de incrementar progresivamente o orzamento do Plan Único, na medida das posibilidades”. Así mesmo, salientou a antelación coa que se aproba o documento. “Por primeira vez, aprobamos as bases no ano anterior ao seu período de vixencia. Isto é moi importante para os concellos porque lles permite traballar con moita maior previsión; poderán empezar na primavera verán as obras, a época máis propicia para facelo, e terán máis tempo para executar as actuacións que financian con cargo ao Plan Único. De feito, prevemos abrir xa a principios de xaneiro o prazo para que poidan presentar os proxectos que queren desenvolver cos fondos do Plan Único, cando nos últimos anos o prazo abríase na primavera”, expuxo.

CONTRATACIÓN DE PERSOAL DESDE PRINCIPIOS DE ANO

García Porto explicou que outra decisión que axudará aos concellos a “aproveitar mellor” o Plan Único “é que poderán imputar con cargo a estes fondos os gastos de contratación de persoal dende principios de ano. Isto favorecerá a creación de postos de traballo“, indicou.

AXUDAS AO SECTOR SERVIZOS

A voceira socialista do goberno provincial subliñou que outra das grandes novidades do Plan Único 2021 é que, “dentro da liña Covid-19, abrimos unha nova vía para que os concellos poidan apoiar ao sector servizos: á hostalería, ó turismo e ó comercio, actividades que resultaron das máis gravemente afectadas polo impacto da pandemia e que son o músculo da actividade económica da provincia”, afondou.

CRITERIOS “PÚBLICOS E OBXECTIVOS”

Finalmente, García Porto incidiu en que o Plan Único 2021 “mantén a súa esencia”, como é a distribución dos fondos “en función de criterios públicos e obxectivos, como a poboación, a superficie, a dispersión territorial e a taxa de envellecemento. Ademais, como en anos anteriores, fíxase un máximo de 500.000 euros para os concellos de máis habitantes, e de 200.000 euros para os concellos que teñen menos habitantes”, finalizou.

FERREIRO: “COMEZAMOS 2021 COS DEBERES FEITOS”

A vicepresidenta da Deputación, a nacionalista Maite Ferreiro, sinalou que o investimento se incrementa por segundo ano consecutivo dacordo co recollido no pacto de goberno; “cumprimos ese obxectivo e tamén co de ter tanto os orzamentos como o Plan Único aprobados antes de rematar o ano”.

“Comezaremos 2021 cos deberes feitos e coas ferramentas necesarias para traballar en dar resposta ás necesidades da veciñanza”, sinalou á entrada do pleno provincial no que se aprobaron as bases do documento.

No debate plenario, o voceiro do BNG, Efrén Castro, incidiu en que o Plan Único é un instrumento para o reparto obxectivo dos fondos, “marca dos gobernos do BNG” fronte ao “reparto a dedo do Partido Popular tanto na Xunta de Galiza como na ùnica Deputación na que gobernan”, en referencia a ourensá.

O voceiro nacionalista destacou o esforzo orzamentario que supón, sumado aos sete millóns de euros previstos para o mantemento da rede de centros de atención a maiores da Deputación de Lugo en 2021. “Se a Xunta de Galiza se fai cargo das súas competencias, mantén as residencias e deixa de abandonar un colectivo tan desprotexido e maioritario, nos subimos o Plan Único”, concluíu en resposta ao voceiro do PPdG, Javier Castiñeira.

O PP LEMBRA QUE A SUBA NO IMPORTE “É DE 250.000 EUROS”

O grupo provincial do PP anunciara que se abstería de dar o visto bo as bases do Plan Provincial Único, segundo explicou Castiñeira, dado que “non foi chamado a participar; salvo “que se recolla a emenda de subir ata 25 millóns o importe do plan e acepte o compromiso de repartir os fondos europeos con criterios obxectivos e pactados entre todos os grupos desta corporación”, sinalou.

O portavoz popular considerou “unha mellora substancial” aprobar as bases do plan antes de iniciar o exercicio 2021, “tal e como lle pediamos en marzo deste ano cando aprobamos o do 2020”. Con todo, censurou que “Tomé non pode estar satisfeito dado que incumpre a súa promesa e practicamente conxela o importe do Plan Único, de maneira que apenas se incrementa en 200.000 euros, cando (o presidente da Deputación) prometera unha suba do 25%“, o que non comprende cando o 2021 será “decisivo e excepcional”, concluíu.

DISTRIBUCIÓN DOS FONDOS POR CONCELLO

PP E BNG SACAN ADIANTE UNHA MOCIÓN A PROL DE BONIFICACIÓNS PARA A INDUSTRIA ELECTROINTENSIVA

O grupo provincial do PP acadou o apoio do BNG para que a Deputación esixa ao Goberno medidas económicas que aseguren a viabilidade da industria electrointensiva. Os nacionalistas respaldaron así a moción presentada polos conservadores, dirixida a solicitar do Executivo estatal que complete a contía das compensacións económicas por custes indirectos de emisións de CO2 ata o máximo permitido pola Unión Europea; modificar o Real Decreto polo que se regula o estatuto dos consumidores electrointensivos para incluír todas as alegacións presentadas pola Xunta; eximir dos cargos de financiamento das renovables e da coxeración ás empresas cun gran consumo enerxético; implementar, no menor tempo posible, os mecanismos que substitúen as poxas de interrompibilidade, como a reserva estratéxica de resposta rápida, contemplando deste xeito as singularidades da industria altamente consumidora en enerxía e procurando unha pronta apertura dos prazos de convocatoria; e reducir as peaxes eléctricas. Os socialistas abstivéronse na votación.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here