Consulado de Cuba, Concello e Acisa traballan no Ribadeo Indiano 2019

Goberno local e comerciantes reuníronse con autoridades cubanas para impulsar a sexta edición, adicada ao país antillán

Grupo no Círculo Habanero da Devesa. VANESA GÓMEZ LOURIDO

O Concello e maila Acisa traballan no vindeiro Ribadeo Indiano, que se celebrará do 12 ao 14 de xullo do 2019.

A sexta edición da festa estará adicada a Cuba, despois de que o pasado ano se recoñecese ao Uruguai, con numerosos actos en honra ao país suramericano.

O goberno local e máis o colectivo de comerciantes mantiveron unha xuntanza en Santiago de Compostela coa cónsul xeral e co cónsul da republica de Cuba para Galicia, Asturias e Cantabria, Yahima Martínez Millán e Ángel Aurelio Torres Jaime.

Reunión co consulado cubano en Santiago. AXM

A concelleira de turismo, Ana Martínez, espuxo que “foi unha reunión na que puxemos en común moitas ideas e propostas, incluso novidosas, para a próxima edición deste evento. Arrancamos un contacto de traballo e iremos avanzando co tempo”, precisou.

Pola súa banda, o xerente de Acisa, Jesús Pérez, dixo que “tocamos diferentes temas relativos ao vindeiro Ribadeo Indiano e ao futuro proxecto a desenvolver. Queremos que haxa participación por parte cubana e no consulado de Cuba amosáronse moi dispostos a axudar en todo o que necesitemos”.

CRECEMENTO

Martínez e Pérez destacaron “a importancia” da festa para “Ribadeo e o seu comercio e hostalería”. Concello e Acisa mostraron a súa intención de “dar un paso máis” na sexta edición.

A pasada congregou 50.000 persoas durante a fin de semana, segundo os datos da organización, 10.000 máis ca edición de 2017.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here