O BNG de Barreiros acusa ao Concello de favorecer a un empresario, ao que destina “o 10% do orzamento”

Os nacionalistas aseguran que un grupo empresarial ingresa "400.000 euros anuais" por realizar tarefas "tan diversas" como "podas, o pintado das igrexas ou as reparacións no servizo de augas"

Consistorio de Barreiros. AXM

O BNG de Barreiros acusa ao goberno local de favorecer “a un grupo de empresas do mesmo titular”, aos que o Concello “encarga traballos sistematicamente” e destina “arredor de 400.000 euros anuais, o 10% do orzamento municipal”.

A voceira do BNG municipal, Ana Ermida, asegura que o Concello encomendou a este grupo “conceptos tan diversos como o pintado de igrexas, a reparación de edificios, instalacións eléctricas en festas, reparacións no servizo de augas ou traballos de poda”.

Ermida afirma que “só nos meses de abril, maio e xuño este grupo, ben sexa como persoa física ou xurídica, recibiu pagos por importe de 109.190 euros”.

A lideresa do BNG barreirense concreta que “en só dous días de abril, esas empresas facturaron ao Concello 55.863 euros, correspondentes a facturas dunha mesma denominación social”.

Ermida indica que dous dos recibos “correspondían ao traslado dun pantalán e traballos no mesmo, sen estar aínda aprobada e autorizada a súa colocación”.

CONTRATOS

Os nacionalistas subliñan que o mesmo grupo empresarial ten adxudicados “os contratos de mantemento do alumeado eléctrico, cun orzamento anual de 153.500 euros, e o recentemente privatizado servizo de mantemento do abastecemento de auga, cun custo bianual de 217.800 euros”.

“MONOPOLIO”

Os nacionalistas critican a existencia dun “monopolio na prestación de servizos municipais” e afirman que “Barreiros non pode permitirse gastar unha porcentaxe tan importante do orzamento nun só grupo de empresas”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here