O cribado de Viveiro deixa 24 novos positivos, o 1,8% das 1.300 PCR realizadas

O Sergas amosara a súa "preocupación" pola situación epidemiolóxica na Mariña Occidental, especialmente en Xove e no municipio viveirense

Cribado masivo en Viveiro. CONCELLO DE VIVEIRO

O cribado masivo realizado o pasado domingo en Viveiro permitiu detectar 24 novos positivos de coronavirus, segundo concretaron este martes fontes do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Finalmente, de acordo coas mesmas fontes, efectuáronse 1.300 PCR, o que implica que a porcentaxe de positivos foi do 1,8%. Segundo o Sergas “realizáronse máis probas no mesmo municipio”, pechado perimetralmente pola Xunta de Galicia e no que se detectaron, segundo as cifras do último reconto oficial -pechado onte ás 18.00 horas-, 179 contaxios nun prazo de dúas semanas, “pero non estritamente dentro do cribado”.

O obxectivo do cribado, realizado fundamentalmente a traballadores do sector servizos, especialmente expostos á Covid-19, foi detectar o maior número de positivos posible á poboación asintomática.

O Sergas admitiu “preocupación” polo elevado número de contaxios na Mariña Occidental, especialmente focalizados nos concellos limítrofes de Viveiro e Xove, onde se realizou días atrás outra sondaxe masiva, a 310 persoas, resultando tres infectados.

O CONCELLO APELA “Á RESPONSABILIDADE INDIVIDUAL”

Por parte do Concello, “atendendo á responsabilidade propia, en colaboración coa Policía Nacional e a Garda Civil, velarase para que se cumpran todas as medidas e limitacións establecidas polas autoridades competentes”, expuxo o goberno local nunha nota de prensa.

Neste sentido, “continuaranse realizando as labores de vixiancia e control necesarias para garantir o cumprimento das medidas e limitacións establecidas e preservar a saúde publica; o Concello fará que as medidas se cumpran e impoñeranse as sancións correspondentes en caso de incumprimento”, advirte.

“O número de casos continúa aumentando e avecíñanse días complicados, polo que é preciso extremar a precaución e apelar á responsabilidade individual para frear a cadea de contaxios”, expón o Concello que agarda que “co esforzo de todos pronto poida cambiar a evolución actual, superando xuntos esta situación”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here