Denunciado un local de hostalería de Viveiro que incumpría o horario de peche con oito persoas sen máscara

Durante o período do Nadal e ata o día 10 do presente mes levantáronse un total de 69 actas de denuncia, 16 delas relativas a restricións á mobilidade territorial

Patrulla da Policía Local polas rúas de Viveiro. AXM

A Policía Local de Viveiro estableceu e incrementou durante o Nadal dispositivos especiais de control e vixilancia das medidas para frear a propagación da Covid-19, e en ocasións, de maneira conxunta cos axentes do Corpo Nacional. Así o anunciou a través nun comunicado de prensa no que concretou que se intensificou “a vixilancia en diversos sectores e ámbitos, en especial naquelas horas punta nas que se prevía aglomeración de persoas, e de cuxos resultados se informa á Subdelegación do Goberno e á Xunta de Galicia“.

Durante o período do Nadal e ata o día 10 do presente mes levantáronse un total de 69 actas de denuncia: restricións á mobilidade territorial (16 actas), agrupacións de persoas (8 actas), o uso da máscara (23 actas), fumar na vía pública sen garantir a distancia de seguridade (14 actas), consumo de alcol na vía pública (2 actas) e medidas na hostalería (6 actas) completan un resultado do labor policial nas datas de Nadal, “aínda que a intensificación da vixilancia e dispositivos nas vindeiras datas continuarán marcando o principal labor da Policía Local”, expón.

O último suceso produciuse, nun operativo conxunto coa Policía Nacional o pasado domingo, cando os axentes, “grazas á colaboración veciñal, detectaron un establecemento de hostalaría aberto ao público con persoas no seu interior“.

CATORCE DENUNCIAS POR FUMAR SEN MEDIAR DISTANCIA PERSOAL E 23 POR NON USAR A MÁSCARA

“Nos establecementos de restauración, na actualidade, non está permitida a apertura do interior do local, soamente as terrazas, e nun aforamento do 50%. A pesar diso, o establecemento en cuestión estaba aberto ás nove da noite, con oito persoas no seu interior, todas elas agrupadas e sen facer uso da máscara respiratoria. Procedeuse á formulación de todas as actas correspondentes e ao desaloxo do local”, expón a Policía Local viveirense.

“A Policía Local quere lembrar que, tal e como indican as autoridades sanitarias, este tipo de condutas supoñen un grave risco de contaxio para a propagación do virus Sars Cov-2“, afonda.

“A pesar de que os comportamentos xerais da poboación de Viveiro son de responsabilidade, quérese facer un chamamento á colaboración coa Policía e coas autoridades sanitarias no cumprimento das normas”, conclúe a nota.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here