IniciosociedadeO Concello espera rematar "este ano" a reforma da bancada da Marosa,...

O Concello espera rematar “este ano” a reforma da bancada da Marosa, que vén de licitar por 260.000 euros

O goberno local agarda que a rehabilitación da construción poida comezar "en marzo ou abril"

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Burela sacou a licitación as obras de reconstrución e reparación da grada do campo de fútbol da Marosa, que suporá un investimento de 260.000 euros e a segunda fase do peche do campo de herba artificial, á que se destinarán 56.000 euros. As empresas dispoñen ata o 2 de febreiro para presentar as súas ofertas.

O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, explicou que a obra da Marosa “era moi necesaria posto que a grada do campo de fútbol presenta un estado de deterioro moi importante debido ás condicións meteorolóxicas”. O edil concretou que a fase de presentación de ofertas remata o 2 de febreiro.

A CONSTRUCIÓN, A PÉ DE COSTA, ESTÁ MOI DETERIORADA

“Faise cun procedemento aberto simplificado e esperamos que ao longo deste ano, máis cara a marzo ou abril, poidamos empezar esa obra posto que as condicións meteorolóxicas supoño que serán mellores para facer ese tipo de traballos”, engadiu.

OUTROS 56.000 EUROS PARA A SEGUNDA FASE DO PECHE DO CAMPO ANEXO

No tocante á segunda das actuacións, “é a segunda fase da reposición do peche do campo de herba artificial, xa que a primeira xa estaba adxudicada. Esta parte ten un presuposto de 56.312,19 euros. Imos cambiar o peche perimetral correspondente a esta segunda fase, os bancos, que están bastante deteriorados, e ademais vaise ampliar a zona de acceso a vestiarios e baños, xa que tíñamos unha serie de dificultades alí para que a xente puidera pasar aos aseos, sobre todo as persoas con problemas de mobilidade. O prazo para a presentación de ofertas é tamén ata o 2 de febreiro”, concreta.

Fernández Rey subliñou que “a obra de reposición da grada está financiada integramente polo Concello, e a reposición do cerre, a primeira fase tamén a financiou o Concello, e esta segunda farase cunha axuda que nos dá a Deputación Provincial de Lugo á que queremos agradecer a súa colaboración”, indicou.

O edil burelao engadiu: “estas son obras que xa tíñamos pensado facer. Fíxose unha pequena guerra política co tema destas obras pero, como eu digo, o movemento demostrase andando e aquí están os cartos e as obras que se van facer na Marosa, ao mellor non coa rapidez que nos gustaría pero os trámites administrativos ralentizaron un pouquiño todo este proceso. Pero insisto en que os cartos están encima da mesa e as obras vanse facer durante este ano”, valorou.

REHABILITARANSE TAMÉN OS VESTIARIOS E O ALMACÉN, QUE ESTÁN DEBAIXO DA GRADA

O alcalde, Alfredo Llano, dixo sobre A Marosa que “hai que ter en conta que se inaugurou no ano 1966, e de que están moi cerca do mar; existe a posibilidade grande de que se oxiden algúns elementos. Un deles é a grada principal do campo de herba natural, que está moi deteriorada, polo tanto imos facer unha modificación total desa grada, poñendo ademais uns bos vestiarios e almacéns. Imos tentar facelo o antes posible e queremos que se remate este ano, a ver se é posible debido á pandemia. Imos facer unha grada grande que estea de acordo cun campo de categoría e poder ver o fútbol coas mellores garantías, ademais empregando os mellores materiais e pensando no futuro para que dure bastante tempo”, explicou.

A CUBERTA DA OUTRA BANCADA, PENDENTE DE ARRANXO

No tocante á cuberta da outra grada, levantada polo vento, “estamos discutindo agora facer un proxecto que vaia acorde coas necesidades que se van poñer nese campo”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...