A Anpa do Virxe do Carme: “os nosos fillos estudan en condicións insalubres”

A comunidade do colexio burelés padece o deterioro do centro, con filtracións de auga ou fiestras que deixan entrar o aire, e esixe unha reparación inmediata do centro

Ceip Virxe do Carme. AXM

Somos cidadáns de segunda: os fillos estudan en condicións insalubres”. Así de contundente se expresa Eva López, a presidenta da Asociación de Nais e Pais (Anpa) do Ceip Virxe do Carme de Burela, sobre o declive do centro.

O pasado luns, dúas aulas de cuarto curso de educación infantil quedaron anegadas. “Pero inundadas de verdade, non é unha maneira de falar”, precisa López.

Foi “a gota que colmou o vaso”, indica, pero só un dos últimos contratempos motivados polo deterioro do colexio. A presidenta da Anpa enumera os problemas diarios que afronta a comunidade educativa da escola da zona dos Castros

Humidade e goteiras, persianas coas tapas devoradas pola couza e fiestras que deixan pasar o aire. Falta unha pasarela para poder pasar dun edificio a outro do centro, non temos case accesos sen escaleiras, polo que é imposible desprazarse en cadeira de rodas”, expón.

O colexio require dunha reforma importante. Un dos tres edificios do centro ten máis de 50 anos de antigüidade. A comunidade educativa leva esixindo reparacións na escola alomenos desde 2015.

López lamenta que a resposta das administracións foi “pasarse o morto. No Concello dinnos que non teñen competencias en obra maior, e na Xunta de Galicia que o mantemento está a cargo do goberno local”, expón.

En abril de 2017, o colectivo de pais e nais mantivo unha xuntanza con representantes da Consellería de Educación, sen que se houbese desde entón “máis ca parches”.

O último anuncio da Xunta, que di estudar unha “reforma integral” -cun orzamento próximo aos 500.000 euros– que acometerá “no 2020”, non satisface á Anpa, que esixe “rapidez e concreción” nas medidas a tomar.

“PEDIMOS O BÁSICO”

O colectivo de pais e nais prevé dificultades durante o inverno, especialmente para os nenos máis pequenos e tamén máis vulnerables. “Temos a seguridade de que isto vai ir a peor e queremos un arranxo xa”, conclúe.

López sinala que a comunidade do Virxe do Carme pide “cousas básicas” e asegura que “estamos fartos de ver como outros centros obteñen melloras de parques e outras instalacións”.

Os pais reuníronse este luns de forma urxente para consensuar medidas de reivindicación dun arranxo para o centro, que se realizarán nos vindeiros días.

BNG: “É UNHA URXENCIA”

O BNG de Burela califica a situación de “urxencia” e insta á Xunta a que “exerza as súas competencias e repare o centro”.

O Goberno galego desenténdese da educación sistematicamente”, espuxo o voceiro dos nacionalistas, Mario Pillado, quen non obstante esixiu “máis valor e menos pasotismo” do alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano.

INFORMES MUNICIPAIS

O rexedor burelés, pola súa banda, lembra que o Concello “emitiu varios informes técnicos” sobre o mal estado das instalacións.

Llano insta á Xunta a que actúe “canto antes”, porque, advertiu, “poden xurdir problemas de forma constante na estrutura do centro”.

1 COMMENT

  1. Dende a Xunta de Galicia manténse no tempo o desentendemento sistemático do estado das instalacións do colexio dos “Castros”, só temos que comprobalo mirando onde se invierte e en que colexios da Mariña.

    Os nosos fillos están é levan a padecer durante anos deficiencias das instalacións, goteras dentro das aulas, lavabos en estado lamentable, patios que non están cubertos para os meniños de 3 a 5 anos, escaleiras de bloque en bloque (por que o cole son tres edificios), e todos eles son de dúas plantas o que nos deixa, máis escaleiras, e así podemos e numerar unha chea de deficiencias.

    POLÍTICOS urxe unha solución URXENTE.

    PAÍS E NAIS urxe unha resposta contundente ante o estado das instalacións, XÁ.

    Poden verse imaxes do estado do cole aquí https://m.facebook.com/pg/ANPA-CEIP-Virxe-do-Carme-Burela-1462393950467467/photos/?ref=page_internal&mt_nav=0

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here