IniciosociedadeSuspendidas as aulas presenciais no conservatorio de Viveiro tras detectarse cinco positivos

Suspendidas as aulas presenciais no conservatorio de Viveiro tras detectarse cinco positivos

A suspensión durará alomenos ata o vindeiro 5 de febreiro, segundo concreta o Concello; en Burela cancélanse temporalmente as escolas deportivas municipais

Publicada o

O Concello de Viveiro informou este mércores da decisión de suspender temporalmente as clases presenciais no conservatorio de música, unha medida de común acordo coa dirección do centro e por precaución, tras detectarse cinco casos de Covid-19.
No centro estudan alumnos e alumnas de diferentes institutos da comarca, polo que o Concello considera necesario suspender de forma temporal a presencialidade, pero “as clases continuarán online“.
“Á vista da evolución da situación epidemiolóxica actual no Concello de Viveiro e tendo en conta que se detectaron varios casos en usuarios do Conservatorio Profesional de Música, atendendo ás características deste servizo e co fin de garantir a seguridade dos usuarios e traballadores do mesmo e en aras a velar pola seguridade e saúde pública, considérase necesaria a suspensión temporal das clases presenciais, establecendo un período inicial de suspensión ata o día 5 de febreiro incluído”, apunta a alcaldesa, María Loureiro, nun decreto desta mesma tarde.
Con anterioridade ao 5 de febreiro valorarase a necesidade de prórroga desta suspensión, atendendo á evolución da situación epidemiolóxica nese momento, conclúe o goberno municipal. A decisión foi posta en coñecemento da Xefatura Territorial de Educación e tamén da de Sanidade.

BURELA

Por outra banda, a Concellería de Deportes de Burela anunciou que quedan suspendidas, ata novo aviso, as escolas deportivas municipais debido ás novas restricións establecidas pola Xunta, que van entrar en vigor mañá, xoves.
O edil de Deportes, Ramiro Fernández Rey, dixo que “desde a Delegación de Deportes do Concello de Burela queremos anunciar que, debido ás restricións que nos están impoñendo unha vez máis desde a Xunta de Galicia, nos vemos na obriga de suspender temporalmente as escolas deportivas municipais. Como xa fixemos o pasado mes de outubro temos que insistirlles aos pais que estean tranquilos con respecto ao pago que fixeron por estas escolas porque miraremos ou ben de devolver os cartos, intentar ampliar o prazo das escolas deportivas ou incluso buscar unha actividade alternativa que poida compensar esta nova parada obrigada polo coronavirus”, concluíu.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...