Unhas 200 persoas de oficios con exposición ao público, citadas o domingo para o cribado do Vicedo

O Sergas analizará en Vilalba un milleiro de persoas, probando por primeira vez na provincia as PCR en saliva; Ares insta aos lucenses a "evitar toda relación social agás a laboral"

Proba de Covid-19. EFE

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) realizará este fin de semana un cribado poboacional con probas de saliva a unhas mil persoas de entre 20 e 30 anos no concello de Vilalba. O obxectivo é detectar o maior número posible de positivos asintomáticos ante a elevada incidencia do coronavirus no municipio.

Segundo informou aos medios o xerente da área sanitaria, Ramón Ares, a deste fin de semana será “a primeira experiencia” cun cribado en saliva en poboación xeral en Lugo, “co cal tamén vai servir un pouco de referencia a nivel loxístico por se fose necesario facelo noutros grupos de idade”.

Desta volta, as probas están dirixidas a un milleiro de mozos e mozas de entre 20 e 30 anos, que serán citados a través dunha mensaxe de texto para acudir a un punto de mostraxe no campo da feira de Vilalba. Na notificación tamén se lles indicará a hora da proba e o acceso ao lugar.

PROBAS NO VICEDO

Ramón Ares tamén fixo referencia ao cribado que se realizará no concello do Vicedo o vindeiro domingo. Neste municipio, “o grupo de xente co que se traballa e se está a convidar a participar é aquela que ten contacto directo con outras persoas: traballadores de tendas, negocios, hostalería, farmacias, persoal municipal… Estamos falando dunhas 200 PCR”, concretou Ares.

EVOLUCIÓN “MOI PREOCUPANTE”

No que respecta á evolución da pandemia, Ares asegurou que “é moi preocupante”. “O que observamos sobre todo nos últimos días é unha incidencia moi alta cun incremento moi alto” en “distintos” concellos como “Monforte, Viveiro ou Vilaba, pero poderiamos seguir con moitos outros municipios da área sanitaria”, afirmou.

“Isto sabemos que vai ter unha repercusión na presión asistencial, tanto en camas ordinarias como UCI, e estamos a observar un aumento de ingresos e tamén que o ritmo das hospitalizacións está a ser moito máis alto”, advertiu.

Neste contexto, argumentou, “a responsabilidade individual é agora mesmo esencial. Convidamos a que se fagan os confinamentos nos domicilios, evitando toda relación social, a saída a cafetería e bares, agás a laboral. E convidamos tamén a que mesmo no propio domicilio se teña moito coidado. É necesario se queremos que a curva non siga medrando e comece a baixar”, concluíu.

Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here