Xove sitúase por baixo dos 80 casos en 14 días e Viveiro segue arredor dos 260

O Hospital da Mariña atende 17 pacientes (+1), mentres que no conxunto da provincia hai unha escalada de ingresos.

Núcleo de Xove, con varios negocios. GOOGLE MAPS

A evolución da pandemia na área sanitaria de Lugo mantén a súa tendencia á alza logo de confirmarse 170 casos novos de coronavirus a través de PCR nas últimas 24 horas. É unha cifra próxima ao récord de contaxios detectados nun día durante toda a pandemia en Lugo. Ademais, o total de casos activos sitúase nos 1.545 (96 máis ca onte).

Tal como prevía o xerente da área sanitaria, a gravidade da situación está a ter consecuencias sobre a presión asistencial. Fronte aos 46 ingresados de onte, os hospitais da provincia atenden hoxe 52 pacientes de Covid-19. O HULA conta 21 en planta e once na UCI; o Hospital da Mariña, 17; e o de Monforte, tres.

O Sergas non comunicou no día de onte ningún falecemento relacionado co coronavirus en Lugo, se ben no conxunto da comunidade galega morreron 15 persoas diagnosticadas desta enfermidade. Así pois, a provincia mantense con 158 vítimas mortais.  Por outra banda, ata o momento curáronse 7.348 persoas e realizáronse 147.474 PCR (1.495 onte).

SITUACIÓN EPIDEMIOLÓXICA

No que respecta á situación epidemiolóxica por municipios, en Viveiro –onde a Xunta está a aplicar as máis altas restricións de Galicia– confirmáronse 257 positivos novos nas últimas dúas semanas (seis menos ca onte), mentres que Xove consegue situarse por baixo dos 80 casos nese mesmo período: 79 positivos (dez menos). O Vicedo continúa estable, con 28 contaxios. Neste concello realizarase mañá un cribado masivo a asintomáticos. O número de veciños afectados en Cervo redúcese a 21 (dous menos).

No que atinxe a Burela, volve aumentar lixeiramente o número de casos detectados nos últimos 14 días, dos 51 de onte aos 52 de hoxe, logo dunha suba significativa no día de onte. Todos os municipios citados permanecen pechados perimetralmente.

En Foz confirmáronse doce positivos nese mesmo prazo e en Ribadeo 27 (cinco máis ca onte. O resto dos municipios da Mariña están por debaixo dos dez contaxios, sendo Trabada o único libre de Covid-19.

GALICIA

No caso da comunidade galega, a curva segue en ascenso. Este sábado súmanse case 1.900 contaxios confirmados e outros 35 hospitalizados nunha xornada na que a positividade volve estar por riba do 12%, sete puntos máis do recomendado. Preocupa especialmente un dato: Galicia dobrou a ocupación das UCI en menos de dúas semanas. Podes consultar toda a información no Galicia Confidencial.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here