IniciosociedadeConfusión nas perruquerías e negocios de estética da Mariña sobre os horarios...

Confusión nas perruquerías e negocios de estética da Mariña sobre os horarios de peche coa nova norma

No primeiro día de restricións, algunhas empresarias só poideron confirmar "ás catro da tarde" que os seus negocios, incluídos no sector servizos, estaban exentos

Publicada o

- Advertisement -

A tardía publicación, pouco máis tarde das dez da noite, no Diario Oficial de Galicia (DOG) do Decreto e a Orde da Xunta de Galicia nos que se establecen as novas medidas para facer fronte á crise sanitaria, aplicando para toda a comunidade o nivel de restrición máximo, que debían entrar en vigor menos de dúas horas máis tarde, provocou a confusión en determinados sectores profesionais polo escaso tempo de marxe para organizarse e pola propia falta de concreción da normativa.

Perruquerías e centros de estética, negocios agrupados dentro das actividades de servizos profesionais, ao igual que talleres ou xestorías, quedaban exentos da medida de redución do horario ás 18.00 horas -que si se aplica ao comercio retallista– podendo pechar á súa hora habitual.

Pero algúns empresarios non tiveron claro “ata as catro da tarde” deste mércores que podían facelo. Así o explica Marta Louzao, de Estética Marta, en Xove, que pasou “todo o día traballando e ao teléfono”.

TALLERES OU XESTORÍAS, TAMÉN LIBRES DE RESTRICIÓNS

A normativa da Xunta non permitía aclarar este punto sen remitirse á Lei do Comercio Interior de Galicia, que inclúe no comercio retallista aquelas actividades de adquisición de produtos ou mercadorías e a súa venda ao consumidor final, excluíndose os servizos profesionais: talleres, bufetes de avogacía, xestorías ou perruquerías e centros de estética.

Nestas últimas, este mércores mesturáronse durante a propia xornada laboral horas de traballo e reiteradas consultas coas xestorías, cunha “desinformación absoluta“, expón Louzao, para asegurarse de que de abrir non estaban a incumprir a normativa. Mesmo chamando aos distintos teléfonos de información da Xunta de Galicia as profesionais do sector tiveron dificultades para aclarar este punto, cos conseguintes prexuízos, especialmente no tocante ás citas. Moitos negocios advertiron nas redes sociais ao longo da mañá, ou na noite do martes, dun peche ás 18.00 horas ao que non estaban obrigados, pero que preferiron adoptar ante a falta de garantías.

Na normativa mantéñense as mesmas medidas que xa viñan sendo de aplicación nos concellos de maiores restricións, coma Viveiro, introducindo como novidade o peche dos establecementos e locais comerciais ás 18.00 horas e exceptuando desta obriga os comercios de alimentación, bebidas, tabaco, gasolineras, artigos médicos e ortopédicos, farmacias e de alimentos para animais de compañía, que poderán pechar ás 21.30 horas (salvo que teñan fixado, de acordo coa normativa vixente, un horario inferior ou superior).

MOITA HOSTALERÍA PECHADA AO NON VER VIABLE A FÓRMULA DE RECOLLIDA E SERVIZO A DOMICILIO

A hostalería viviu o seu primeiro día de peche, só podendo funcionar o servizo de entrega a domicilio ou de recollida no propio establecemento. Boa parte dos locais pecharon ao non ver viable o negocio con esta fórmula, agardando que as restricións, previstas en principio para tres semanas, non se prolonguen por máis tempo, ou ben por necesitaren cambios para adaptarse ao novo servizo.

A situación do sector é especialmente complicada en municipios coma Viveiro, onde a hostalería leva unha semana pechada e, con anterioridade, outras tres operando só nas terrazas. En Burela, bares e restaurantes quedaron clausurados no penúltimo mes do ano pasado, o que tamén ocorreu -durante un período de tempo máis curto- no municipio viveirense.

O COMERCIO DE RIBADEO PIDE “SENTIDIÑO” PARA QUE “O SUFRIMENTO” DAS LIMITACIÓNS “NON SEXA EN BALDE”

En Ribadeo, o presidente da Acisa, Francisco Iriarte, expuxo que “pechamos hoxe para volver abrir en tres semanas; se todos somos responsables poderémolo conseguir, se non, a parte do dano á vida e a saúde da xente que se contaxie, estaremos danando irreparablemente a economía local, facendo morrer tamén a moitas empresas e eliminando moitos postos de traballo. Por iso hoxe máis que nunca o que pedimos é moito sentidiño”, indicou.

“As nosas tendas seguen todas abertas, non caiamos por favor na tentación de estar aburridos na casa e coller o móbil para comprar algo onde non debemos. Sigamos apoiando, como o estamos facendo nestes meses, ao comercio local”, pediu.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, engade: “temos a hostelería pechada, os ximnasios, o lecer infantil. Por favor, non fagamos que este sufrimento sexa en balde. Por iso pedímoslle á cidadanía que sexa especialmente escrupulosa e rigorosa coas normas”, concluíu.

MENOR MOVEMENTO NAS RÚAS DAS VILAS

Por outra banda, a normativa da Xunta impide as reunións de non conviventes, o que se percibiu especialmente nas rúas das principais vilas da comarca. Os parques infantís e zonas deportivas ao aire libre poden permanecer abertos pero con aforamento limitado.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...