O CIFP Porta da Auga ofrece asesoramento e instalacións gratuítas para novos proxectos empresariais

O instituto ribadense é o único da Mariña que forma parte da rede galega de viveiros de empresas en centros educativos

Isidro Berdeal, director, Marisol Folgueira, xefa do departamento de Orientación Laboral, e María Novo, empresaria

O CIFP Porta da Auga de Ribadeo chama a estudantes e titulados recentes a aproveitaren os recursos do seu viveiro de empresas. A través do programa Emprende, o centro ofrece asesoramento e instalacións axeitadas para que as persoas con iniciativas empresariais desenvolvan a súa idea de negocio.

O instituto dispón de dous espazos de traballo con equipos informáticos e conexión á internet que poden empregarse tanto en horario lectivo como de tarde, de xeito gratuíto.

O CIFP Porta da Auga é o único centro educativo que dispón de asesoramento e instalacións para o emprendemento

O programa de emprendemento diríxise a estudantes matriculados nalgunha ensinanza sostida con fondos públicos e tamén aos que remataron os seus estudos nos últimos catro anos. As instalacións poden empregarse polo menos durante dous anos.

PROXECTOS

O viveiro prestou asesoramento a tres proxectos, entre eles o da ribadense María Novo, que perfilou o plan de empresa para poñer en marcha un centro de ocio infantil.

“Empezar a traballar na idea sen ter gastos de aluguer, de auga ou de luz é bastante importante”, comentou Novo, que empregou as instalacións durante un ano.

A empresaria apuntou tamén a utilidade das experiencias promovidas desde o programa como a participación en coloquios con outros emprendedores.

REDE GALEGA

O CIFP Porta da Auga forma parte da rede de viveiros de empresa na que participan un total de 26 centros educativos de toda Galicia. O instituto ribadense é o único da Mariña no que se desenvolve este programa de emprendemento.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here