A comunidade do Virxe do Carme concentrarase pola reparación do centro

A Anpa chama aos mariñaos para unha protesta este venres e promove un cancelo nas redes

Teito deteriorado no Virxe do Carme. AXM

A asociación de nais e pais (Anpa) do Ceip Virxe do Carme, na zona dos Castros, en Burela, acordou convocar unha concentración este venres para esixir unha reparación do centro.

A protesta está prevista para as 8.50 horas, no patio de primaria. A intención dos convocantes é “sensibilizar á sociedade” sobre os problemas que están a vivir a diario.

Filtracións de auga que rematan coa inundación de aulas, fiestras que deixan pasar o aire, persianas danadas pola couza ou a ausencia dunha pasarela que permita pasar dun a outro edificio son algunhas das consecuencias da antigüidade do centro.

Aula inundada no colexio burelés. AXM

O colectivo de nais e pais do colexio esixe que se “subsanen estas carencias dunha vez por todas” para poder contar cunhas instalacións “que sean xustas co profesorado e alumnado, que o merecen”, indica a presidenta da agrupación, Eva López.

A presidenta da Anpa chama a participar na concentración a “todas aquelas persoas que queiran apoiarnos e solidarizarse con nós. Se algún dos 3.500 ex alumnos do colexio dos Castros quere achegarse será máis que benvido, así como a sociedade de Burela e da Mariña Lucense“.

CANCELO EN REDES SOCIAIS

A Anpa tamén promoveu unha campaña de visibilización en redes sociais, co cancelo #salvemosocoledoscastros.

A XUNTA “VALORA AS OBRAS A REALIZAR”

Segundo espuxo a presidenta da Anpa, a Consellería de Educación asegurou á comunidade educativa do centro que está a facer unha valoración das obras inmediatas a realizar.

O Xunta de Galicia anunciou que estuda unha “reforma integral” do centro “para 2020“, e que mentres tanto executará obras provisionais.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here