O BNG, sobre Cardioloxía na Mariña: “non pode haber un especialista para 70.000 persoas”

Tras reunirse coa plataforma sanitaria, a formación frontista reclamará no Parlamento a cobertura das tres prazas do servizo e o "reforzo" de Reumatoloxía, Xinecoloxía, Oncoloxía ou Pediatría

Xuntanza telemática entre BNG e plataforma sanitaria. AXM

O BNG anunciou este martes a través dun comunicado de prensa que levará ao Parlamento de Galicia a situación do servizo de Cardioloxía no Hospital da Mariña, cun só especialista despois de que non se cubrise unha excedencia solicitada en setembro e que, desde hai algo máis de dúas semanas, tampouco se suplise a baixa doutro médico.

Nunha reunión telemática celebrada na tarde de onte coa Plataforma Sanitaria da Mariña, o BNG “recolleu as demandas sanitarias da comarca a través de representantes do colectivo, desde o que fixeron fincapé no deterioro xeral de moitos servizos tanto no hospital coma en atención primaria”, indicou a formación. O deputado nacionalista Daniel Castro “recolleu todas as demandas, ás que se lles dará curso no Parlamento”, indica o partido frontista.

AGARDAS “DE ATA DOUS ANOS” PARA PROBAS E CONSULTAS

Por parte da plataforma “destacouse a crítica situación no servizo de Cardioloxía que a día de hoxe conta cun só especialista para a atención de 70.000 persoas da comarca. Este servizo xa era deficitario previamente a esta eventualidade, con agardas de ata dous anos para facer probas e consultas. Por eso o BNG esixe que o Parlamento inste á Xunta que se restableza o servizo como mínimo ao nivel previo de setembro de 2020″, expuxo o Bloque. O PSdeG realizará, segundo informou onte, a mesma reclamación.

A AMPLIACIÓN “SÓ FORON MÁIS METROS CADRADOS”, CONSIDERA O BLOQUE

Castro instará á Xunta “á restitución dos servizos perdidos e o reforzo de moitos deles, coma nos casos de reumatoloxía, xinecoloxía, oncoloxía ou pediatría”. O deputado nacionalista anunciou xa a presentación dunha iniciativa a respecto da situación do servizo de cardioloxía e manifestou que “por desgraza, este é só un dos múltiples déficits e eivas que presenta o Hospital da Mariña, un centro hospitalario que día a día está vendo reducidos os servizos e prestacións que lle pode ofrecer á sociedade mariñá a pesar da ampliación de infraestruturas, que na realidade non foi mais que un aumentos de metros cadrados cunha diminución da calidade da nosa sanidade pública”.

UNHA MATROA PARA FOZ

Outra das iniciativas que levará ao Parlamento será tamén a solicitude da creación dunha praza estrutural de enfermeiro especialista en obstreticia-xinecoloxía (matrón/matroa) no centro de saúde de Foz, unha reclamación por unanimidade da corporación focega a instancias do BNG.

Castro tamén solicitará recuperar tamén “os servizos sanitarios perdidos neste concello como a ambulancia nocturna, o servizo de urxencias de tarde, a praza de auxiliar de enfermería amortizada en 2017, a segunda praza de TES na ambulancia medicalizada e a adecuada cobertura das ausencias dos profesionais cando se produzan”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here