Viveiro amplía ata a semana que vén o prazo do concurso de vídeos de Entroido

Cervo e Xove tamén convocan certames virtuais para festexar o Carnaval nun contexto de restricións para conter a pandemia

Un dos vídeos presentados. AXM

O Concello de Viveiro ampliou o prazo, ata a semana que vén, para presentar vídeos ao concurso de Entroido convocado pola concellería de Cultura. Deste xeito, as pezas audiovisuais pódense entregar ata o martes. As votacións celebraranse o mércores, xoves e venres. O fallo do xurado será o sábado 20.

A concelleira de Cultura, Lara Fernández, expón que “incluímos un premio á inclusión, ao vídeo máis inclusivo, e tamén un galardón especial para os participantes máis lonxevos. Animamos a participar porque cremos que é bo para todos; tanto para animar unhas datas tan sinaladas e á vez difíciles como tamén por Viveiro, como porque os premios son vales para o comercio local, tanto para as tendas coma para a hostalería. Deste xeito, canta máis xente se presente mellor, para que poida ter unha repercusión na nosa economía. Os vales van ter unha caducidade de arredor de tres meses, de xeito que esperamos que cando os bares e restaurantes poidan abrir tamén se beneficiarán”, concreta a edil.

PREMIOS PARA CONSUMIR NO COMERCIO VIVEIRENSE

O comerciante debe selar e gardar os vales ata o 30 de abril, e daquela emitir unha factura ao Concello pola cantidade total. As persoas gañadoras non poderán canxear os vales por diñeiro en efectivo, pero si redondear cos seus propios fondos a diferenza da compra realizada. Non é obrigatorio que os negocios participen, aínda que todos terán a posibilidade de facelo. “É unha xestión moi doada e, deste xeito, aínda que os participantes sexan de fóra, os premios quedarán en Viveiro”, indica Fernández.

Na web xa se penduraron os primeiros vídeos, coa presenza de Stevie Wonder ou Queen, entre outros, “que teñen moito humor”. Fernández indica que “no tocante ao xurado, este ano o importante non vai ser o disfrace, porque poderase utilizar o que hai na casa. Valorarase a imaxinación, o humor, a orixinalidade“, indica. A concelleira fai fincapé en que quen non atenda a normativa anti-Covid-19 está excluído. “Moita xente pregunta se se pode facer en exterior, e si, pero sempre que se garden todas as normas de seguridade; máscara, distancias interpersoais, só persoas convivintes. É un momento para predicar co exemplo”, indica. “Moitas veces é complicado converter eventos tradicionais nalgo seguro, virtual, pero a nosa intención é aproveitar o pouco que podemos facer e levar un pouco de ilusión ás casas”, conclúe.

CERVO

O Concello de Cervo convocou os seguintes concursos virtuais: sábado, larpeiradas de Entroido; domingo, San Valentín, coa pregunta ‘Que é o amor para ti?’; luns, certame de máscaras; martes, concurso do mellor disfrace. As creacións deberán entregarse antes das 17.00 horas de cada xornada ao correo dinamizacion@concellodecervo.com.

XOVE

En Xove o goberno local convoca un certame de disfraces con temática Covid-19. Os premios serán os seguintes:

PREMIOS
CATEGORÍAS
INDIVIDUAL  INFANTIL

de 0 a 14 anos

(nados entre o 2007 e 2021, ámbos anos incluídos)

INDIVIDUAL  ADULTOS

máis de 14 anos

(nados anteriores da 2007)

FAMILIAR

 

1º premio: 100 €

2º premio: 75 €

3º premio: 50 €

1º premio: 100 €

2º premio: 75 €

3º premio: 50 €

1º premio: 200 €

2º premio: 150 €

3º premio: 100 €

 

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here