O Entroido de Foz resiste cun vídeo conmemorativo, un Baile do Farolillo virtual e un concurso de máscaras

O Concello anunciou este xoves a programación, totalmente telemática, para un Carnaval "diferente" por mor da pandemia

Comparsa no Entroido de Foz. AXM

O Concello de Foz anunciou este xoves a programación, totalmente virtual, para un Entroido “diferente” por mor da pandemia, pero co que se quere manter a arraigada tradición do Carnaval no municipio.

A concelleira de Cultura, Inés López Couto, lembrou que “este ano 2021 conmemoraríase o 40 aniversario da festa, pero deberá atrasarse, polo que se organiza a edición especial 39 e 3/4. Un pobo cunha tradición entroideira de tantos anos non pode deixar de facer pequenas actividades respectando as medidas anti-Covid-19. Por iso, lévase tempo traballando en animar as casas das familias focegas e aqueloutras que se unan á festa virtual”, expuxo.

“O primeiro paso”, concretou a edil, “foi engalanar os comercios cos traxes dos grupos que levan anos participando”. Ademais, o venres previo ao habitual desfile estará dispoñible a revista do Entroido, no consistorio, nos comercios e na web municipal en versión dixital.

A PEZA AUDIOVISUAL PODERÁ VERSE EN YOUTUBE NO DÍA GRANDE, O SÁBADO

Para este sábado, a tradicional xornada grande do Entroido de Foz, está programado un vídeo conmemorativo, “realizado grazas á colaboración de todos os grupos; conterá imaxes novas, mensaxes dos diferentes participantes e recordos de momentos anteriores como o desfile ou a cea de coroación. A emisión comezará ás 17.00 horas, na canle de Youtube municipal”, indicou López Couto.

Outro dos momentos do Entroido focego é o Baile do Farolillo, que se fará na casa. O Concello poñerá á disposición dos interesados os farolillos, que se poderán recoller ata o luns no despacho da delegación de Cultura. O Concello anima aos participantes a subir un vídeo ás redes sociais co cancelo #FarolilloFoz.

López Couto, na exposición instalada no Cenima. AXM

Tamén haberá un concurso de customización de máscaras, a fin de mesturar de xeito “divertido” o “elemento de protección contra a pandemia, que no Entroido é representativo de ocultación e disfrace”, salientou López Couto.

O goberno local pide que se alteren máscaras de tela ou papel e non cirúrxicas que poidan ser usadas no día a día; tamén que de realizarse fotos na rúa se use por debaixo da customizada a correspondente protección. Recolleranse fotografías ata o día 15 na dirección de correo electrónico concurso@concellodefoz.es. O martes de Entroido anunciaranse os premios, en categoría infantil e adulta. Tamén está lista a habitual exposición no Cenima.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here