IniciosociedadeBarreiros mellorou no 2020 en preto dun millón a estabilidade orzamentaria con...

Barreiros mellorou no 2020 en preto dun millón a estabilidade orzamentaria con respecto ao 2019

Os resultados permiten, remarca o Concello, que de precisar concertar operacións de crédito a longo prazo "non sexa necesaria a autorización autonómica", como era ata este momento

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Barreiros anunciou a través dun comunicado de prensa que vén de aprobar a liquidación do orzamento do 2020 na que mellora en preto dun millón de euros a estabilidade orzamentaria. Neste ámbito, o resultado, que levaba varios exercicios en negativo, pasou de ser de -453.064,66 euros no ano 2019 a 517.247,12 euros; o que supón unha melloría de preto dun millón.

As contas amosan “unha clara tendencia de recuperación económica froito do control nos gastos realizados e do rigor co que se traballa a nivel económico”, asegura a alcaldesa barreirense, a nacionalista Ana Ermida. En outubro de 2019, Intervención urxía ao executivo municipal a “reducir ao mínimo os investimentos” ata polo menos o exercicio 2021.

BAIXA EN 35 DÍAS O PROMEDIO DE PAGOS

Segundo o Concello, o resultado da liquidación do exercicio 2020 amosa tamén unha maior axilidade nos pagos por parte do Concello de Barreiros, pasando de 83 días no 2019 a 48, no 2020. “Este indicador é moi importante porque afecta directamente ás empresas e persoas autónomas que traballan para o Concello, axilizando e normalizando os
pagos da administración local e xerando unha confianza que axuda a dinamizar a
economía local, xa que a realidade dos pagos con carácter xeral é mellor que a
media”, salienta a alcaldesa. “En calquera caso, aclara, a intención deste goberno é
realizar todos os pagos dentro do prazo estipulado dos 30 días e trataremos de
seguir traballando para axustar esa cifra”, admite.

No relativo á capacidade de financiación do Concello, “os resultados obtidos permiten que no caso de precisar concertar operacións de crédito a longo prazo, non sexa necesaria a autorización autonómica, como era ata este momento”. O informe emitido por secretaría-intervención sinala que “as magnitudes orzamentarias melloraron considerablemente” e, “aínda que dúas delas permanecen en signo negativo”, indica o goberno municipal, “logrouse o cumprimento de todas as demais regras orzamentarias”.

ERMIDA ADMITE QUE A SITUACIÓN “DISTA MOITO DE SER DE ALIVIO”

A alcaldesa argumenta que “o traballo realizado no ano 2020, no que se xestionou o orzamento na súa totalidade -xa que o orzamento do 2019 estaba practicamente executado no momento da chegada do novo goberno municipal-, especialmente no relativo ao rigor e control dos gastos permite hoxe albiscar unha situación un chisco máis positiva”.

A rexedora non oculta que “a situación económica de Barreiros dista aínda moito de
ser de alivio, xa que se arrastran gastos que haberá que afrontar e poden darse situacións delicadas que poderían ter un forte impacto nas arcas municipais; mais o
que vén a amosar é que o esforzo colectivo realizado neste ano permite encamiñar
a situación para poder afrontar investimentos moi necesarios no medio prazo e non
comprometer a economía municipal”, afirma.

SEN SUBIR OS IMPOSTOS

Ermida amósase tamén satisfeita de que ese control de gasto evitara ata este
momento ter que incrementar a carga impositiva na veciñanza, que tería asumido
directamente a situación económica previa. A alcaldesa sinala que, tal e como recolle o informe de secretaría-intervención, “deberemos seguir nesta senda de control do gasto e mantemento dos ingresos para que a situación do Concello non sexa tan axustada e permita facer fronte a posibles imprevistos na administración local”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...