O BNG alerta dunha “mingua dos dereitos” e esixe á Xunta restituír a área sanitaria da Mariña

O deputado nacionalista Daniel Castro detallou desde Burela as emendas da formación á proposta de modificación da Lei de Saúde

Castro, no centro, acompañado de representantes do BNG, en Burela. AXM

O BNG expuxo este luns nunha rolda de prensa en Burela, diante do Hospital da Mariña, as súas reclamacións para a proposta de modificación da lei 8/2008 de 10 de xullo, de Saúde de Galicia, presentada polo PP. O deputado mariñao Daniel Castro, acompañado de cargos institucionais da comarca avanzou as alternativas dos nacionalistas fronte a unha normativa que “o Partido Popular volve lexislar sen diálogo, con oscurantismo e opacidade, cambiando os dereitos sanitarios e provocando unha merma dos mesmos”.

REFORZO DE ATENCIÓN PRIMARIA

O BNG, a través de emendas a esta lei que vai este martes 23 ao Parlamento, propuxo “reforzar o sistema sanitario revertendo os recortes dos últimos anos que manteñen aínda hoxe a Atención Primaria cun orzamento inferior ao de 2009, contratando máis persoal necesario, rematando coa precariedade e poñendo máis medios a disposición dos profesionais e usuarios”.

Castro afirmou que a Atención Primaria “está sendo especialmente castigada nesta pandemia, cando é a porta de entrada dos pacientes Covid-19, unha causa máis pola que o seu orzamento ten que ser reforzado na comarca da Mariña e en todo o país como xa tén demandado moitas veces o BNG”.

RECUPERACIÓN DA ÁREA SANITARIA

Mario Pillado e Montse Porteiro, que interviron tamén na rolda de prensa, incidiron ao igual que Castro na necesidade de recuperar a Área Sanitaria da Mariña, suprimida polo PP, “e recuperar os servizos perdidos a raíz desa supresión que foi o último gran ataque do Partido Popular á sanidade pública na comarca”. O portavoz municipal do BNG en Burela advertiu das “carencias” no eido sanitario a nivel local, “en servizos coma o de pediatría con problemas de persoal, o de fisioterapia, que non existe no centro de saúde burelao, ou a redución de consultas en horario de tarde no centro de saúde“.

Referiuse tamén Pillado á situacion que vive a vila, que estando xa no cuarto peche perimetral, “aínda segue agardando polo cribado masivo solicitado hai unhas semanas dada a situación especial de Burela, cun hospital e un porto que tenen unha mobilidade difícil de controlar”.

Porteiro fixo referencia a varios dos servizos que se están vendo mermados coma o de cardioloxía, agora mesmo cun só cardiólogo para 70.000 habitantes, “servizo que xa era precario tamén cando eran tres cardiólogos, e dándose casos de agardar un ano para a realización dunha proba de esforzo“. E aludiu tamén ao feito de dispoñer “dunha soa médica rehabilitadora para a comarca ou un só reumatólogo ou da necesidade de dispoñer dun radiólogo máis”, concretou.

“É NECESARIO UN SISTEMA DE INVESTIGACIÓN FORTE”

O BNG aposta por un “sistema sanitario forte” con “condicións laborais dignas” co que ser quen de dar “mellores respostas non só á pandemia senón aos problemas de saúde da poboación mais aló do Covid19, “porque a xente desgrazadamente segue tendo cancro, problemas de corazón e enfermidades de todo tipo e estamos vendo como se retrasan diagnoses e tratamento por falta de recursos”, afirmou Castro, que apuntou tamén que según datos dos profesionais, no conxunto de Galiza se fixeron 600.000 consultas menos, 3.000 operacións menos, e 20.000 probas diagnósticas menos.

A PLATAFORMA CRE QUE SE “AFASTOU” A SANIDADE DA VECIÑANZA

A Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública da Mariña explicou a pasada fin de semana a súa diagnose da normativa. “Recorta dereitos e liberdades, sendo eminentemente sancionadora e obrigando á realización de probas, vacinacións e tratamentos, o cal podería entrar en conflito co principio ético da autonomía do paciente e co dereito a negarse á administración dun tratamento, recollido na Lei de consentimento informado“, xulgou.

Ademais, o colectivo criticou que a proposta de Lei de Saúde “non fala en ningunha das partes sometidas a reforma do reforzo do sistema sanitario, da blindaxe e mellora da atención primaria nin de reverter os brutais recortes que aplicou o goberno da Xunta”.

“Non contempla a recuperación das catro áreas sanitarias eliminadas na anterior reforma e que afastou a sanidade das veciñas e veciños, centrou o eixo da atención sanitaria nos grandes hospitais das urbes, e ao fin converteu á poboación das áreas rurais en pacientes de segunda categoría en relación á poboación das capitais”, concluíu a plataforma sanitaria.

TODA A OPOSICIÓN PIDE RESTABLECER O ANTIGO REPARTO POR ÁREAS

O PSdeG, a través do seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, tamén reclamou días atrás a recuperación da área sanitaria mariñá.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here