Viveiro inicia a desescalada con dez positivos nos últimos 14 días e A Pontenova con once

Baixan a 631 os casos na provincia, confirmándose só nove novos contaxios desde a anterior actualización de datos; o Hospital da Mariña atende tres pacientes con Covid-19

Xente paseando por unha rúa comercial de Viveiro. EFE

O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo baixa a 631, 71 menos ca onte, segundo o reconto ofrecido este venres polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). Desde a anterior actualización detectáronse un total de nove positivos novos por PCR.

Dos 631 contaxiados, 40 permanecen ingresados (13 deles en coidados intensivos, todos no HULA). Os 27 pacientes con Covid-19 en plantas de hospitalización repártense entre o Hospital da Mariña (tres), o propio Hospital Universitario Lucus Augusti (21), o centro hospitalario de Monforte (dous) e o Polusa (un).

No histórico da provincia documéntanse 203 defuncións, 10.824 altas e 11.663 casos acumulados desde o inicio da pandemia. Fixéronse 186.066 PCR, o que implica que desde o anterior reconto efectuáronse 1.006 probas.

No que atinxe á situación epidemiolóxica por municipios, Viveiro segue en paulatina melloría, con dez positivos confirmados nos últimos 14 días (un menos ca os comunicados onte). A Pontenova conta once casos nas últimas dúas semanas (sen variacións).

Son os únicos municipios da comarca con alomenos dez contaxios, dado que o resto dos concellos teñen entre un e nove casos localizados nese mesmo prazo, agás O Vicedo, Ourol, Alfoz, Trabada e Xove, libres de Covid-19 (unha lista que deixa O Valadouro).

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here