“A educación é a semente para o obxectivo, que mulleres e homes teñan iguais dereitos e obrigas”

A concelleira de Cultura de Viveiro, Lara Fernández, reivindica que o traballo pola igualdade non pode limitarse ao 8-M e convida ás viveirenses a botar man das posibilidades que ofrece o CIM

Loureiro e Fernández, na presentación da campaña polo 25-N. AXM

A lectura colectiva dun manifesto, concursos para adolescentes, cursos de autoestima para mulleres migrantes ou unha actuación da actriz mariñá Estíbaliz Veiga son algunhas das iniciativas do Concello de Viveiro para conmemorar o 8-M. A concelleira de Cultura, Lara Fernández, afonda nunha programación que quere facer fincapé no eido educativo.

MOCIDADE

Unha das principais iniciativas vai dirixida á mocidade, o concurso de videoclips ‘Reelsmente iguais’.

Nós sempre tentamos desde a programación tanto para novembro, polo día contra a violencia de xénero, como para o 8-M, integrar a todos os colectivos sociais. Nos últimos anos fixéronse pases de curtametraxes, charlas, proxectouse unha película e houbo un encontro con forzas de seguridade e cunha psicóloga para alertalos sobre os perigos das redes sociais, e aconsellalos sobre como se debe tratar ás persoas para acadar a igualdade. Queremos facer fincapé na educación porque é onde hai que poñer a semente, para que despois eses obxectivos aos que aspiramos, que homes e mulleres vivan con iguais oportunidades, dereitos e obrigas, deberes, sexa algo natural.

DIÁLOGO COS ADOLESCENTES

Que buscaban con esta actividade en concreto?

Como xa levamos seis anos facendo o concurso de fotografía ‘Traballos de mulleres’ e o certame infantil ‘Mamá traballadora’, queriamos facer algo para a xente máis nova, que xa está nunha franxa de idade máis complicada, cara a madurez. Os centros educativos son conscientes desta situación e traballan niso con eles, queremos contribuír a iso achegándonos aos soportes que eles máis utilizan, como as redes sociais, o Instagram. Hai que tratar que achegarse á súa realidade, senón é complexo achegarse a eles, por iso usamos esta fórmula.

O que eles nos presenten vai ser moi interesante para comprobar o que eles pensan sobre a realidade que viven; vannos falar a través deses vídeos sobre como viven eles a igualdade ou a desigualdade e cales son os temas que lles preocupan. Nós só guiamos un pouco os temas; o bo trato, o amor en igualdade… Os ‘reels’ duran quince segundos, pero nos permitímoslles facer ata tres minutos con clips pequenos de vídeo para que desenvolvan as súas ideas. A participación será libre, aínda que contamos cos centros educativos para a difusión do certame.

GUÍA DE EDUCACIÓN SEXUAL

Reivindica que o traballo a prol da igualdade non só pode limitarse a un par de datas ao ano.

A nosa intención desde o Concello e o CIM é non deixar só as actividades para as efemérides. Por iso creamos a campaña Viveiro de Igual a Igual, para facer cousas durante todo o ano. Un exemplo é unha proposta de elaboración dun protocolo realizado cos centros educativos para situacións de violencia. A tarefa do CIM é incesante para que as mulleres teñan un mellor lugar no municipio.

Un dos grandes proxectos é elaborar unha guía de educación sexual para os nenos de Viveiro. Solicitamos unha subvención para traballar isto nos centros educativos, porque vemos que é necesaria unha reeducación. Hai determinadas idades nas que se comeza a coñecer o sexo oposto e onde se poden reproducir situacións de desigualdade. Ten moito peso o uso da pornografía, que tantas veces é unha mala escola, algo que se puido multiplicar co confinamento.

ASESORAMENTO GRATUÍTO

Remarca o traballo do CIM. Para aquelas mulleres que descoñezan o servizo e poidan sentir que necesitan axuda, que lles pode ofrecer?

Moitas veces pénsase que os CIM só son servizos para abordar a situación das mulleres maltratadas. E é certo que esa é unha das súas principais tarefas, porque as persoas que sofren maltrato son das máis desprotexidas que podemos atopar, pero o Centro de Información á Muller ofrece posibilidades en todos os eidos. Quenes acudan poden recibir asesoramento xurídico ou psicolóxico, sempre gratuíto.

Poden acudir ademais sabendo que o trato vai ser segredo, quen queira pode beneficiarse do servizo libremente, sexa por vía telefónica ou pedindo cita. Quenes precisen traballo recibirán consellos sobre os procesos que hai abertos, de bolsas ou becas, as profesionais poñerán todos os medios para que as mulleres teñan unha vida mellor. É un servizo moi útil que está un pouco á sombra, en parte porque cumpre con esa necesidade de privacidade de moitas mulleres.

CHEGAR A TODAS AS MULLERES

Custa aínda chegar a determinadas mulleres, a determinados perfís?

Nos últimos anos isto mellorou moito, elimináronse certos estereotipos e as mulleres séntense máis libres para acudir; antes notabamos que daba unha maior vergoña usar o servizo, como se algo reservado para as persoas sen recursos ou en emerxencia social, como se as mulleres que o utilizan fosen pedir.

Si é certo que hai a quen nos custa chegar. Por exemplo, os núcleos rurais de Viveiro están máis illados e hai persoas que non teñen maneira de desprazarse con facilidade, ou que por idade avanzada ou recursos non manexan internet nin as redes sociais. Algunhas desas mulleres sofren desigualdades, ás veces son as que máis as padecen. Ese é un traballo moi importante e moi fondo que facer. Outras mulleres, noutro rango de idade, si poden ter medo. Pero a situación respecto do CIM cambiou para mellor.

Coas mulleres do rural fixéronse diferentes iniciativas, cursos de nutrición ou sexualidade, que agora mesmo pola pandemia están máis paradas. Os confinamentos tampouco axudan, porque limitan a intimidade para facer determinadas actividades aínda que sexa virtualmente. Agardamos que todo mellore para retomar isto.

CURSO DE AUTOESTIMA PARA MULLERES MIGRANTES

Outra das iniciativas é un curso de autoestima para mulleres migrantes. Con que problemas se atopan estas persoas?

O CIM traballa en contacto permanente con áreas de Benestar Social e Inmigración, e estas actividades responden a necesidades que nos chegan desde os departamentos. Esta proposta feita desde Inmigración é moi interesante. Moitas mulleres que veñen de fóra veñen doutras culturas distintas á nosa, ou teñen un idioma diferente, eso impídelles desenvolverse con plenitude. Viveiro é un lugar no que ten moita importancia a poboación dominicana, rumana… O que queremos é que poidan tomar decisións vitais para o seu desenvolvemento, o que agora quizais lles custa. Dotar de ferramentas ás mulleres é moi importante; o patriarcado pretende reducir á muller, que quede na casa, que sexa feble e vulnerable, e penso que é certo que somos coidadoras natas, pero tamén temos moito que dicir sobre a nosa sociedade.

PANDEMIA

Que desafíos engadiu a pandemia aos que xa afrontaba o feminismo?

Vemos como o confinamento dificultou a situación das persoas maltratadas, pero tamén duplicou o traballo principalmente ás mulleres, que traballaron e ademais ocupáronse dos nenos, do fogar, de persoas dependentes ao seu cargo… Iso hai que visibilizalo e hai que pedir que se nos trate como merecemos, que eses traballos sexan vistos como imprescindibles e remunerados.

É algo moi redundante, pero é unha verdade que o 8-M ten que ser todos os días, desde as institucións non nos podemos esquecer; temos que estar continuamente traballando a prol do obxectivo. Hai que ser reivindicativas todo o ano, pedir sempre e fomentar o espírito crítico nos nosos nenos e nenas, para que saiban que somos iguais por nacemento, que chegamos a este mundo en igualdade de condicións, e que é a sociedade quen nos quita esa igualdade, ese dereito.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here