Llano chama a participar desde o xoves no cribado masivo de Burela

Ata agora anotáronse 110 persoas de oficios relacionados coa atención ao público; os interesados en participar poderán inscribirse de 8.00 a 14.00 horas ata o vindeiro mércores

Alfredo Llano. AXM

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, fai unha chamada á participación no cribado masivo que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) realizará na vila a partir do vindeiro xoves, 25 de marzo. O rexedor ven de asinar un Bando que está colgado no taboleiro de anuncios da web municipal.

No mencionado Bando alúdese ao cribado voluntario que o Sergas realizará en Burela para a prevención da Covid-19. Está destinado a aquel sector da poboación que desenvolve a súa actividade laboral, profesional ou de voluntariado cara ao público usuario dos servizos públicos, privados ou do terceiro sector prestados no termo municipal de Burela: comercio retallista, hostalería, restauración, hospedaxe, supermercados, tendas de alimentación, ou transporte público ou privado de viaxeiros.

Llano subliñou que “o único que teñen que facer é chamar ao 608.555.300 e anotarse. Poderán facelo de 8.00 a 14.00 horas ata o vindeiro mércores inclusive. As persoas que voluntariamente desexen inscribirse nesta acción preventiva deberán facilitar o nome e apelidos, o DNI ou NIE, un teléfono de contacto e o sector no que desenvolve a súa actividade laboral, profesional ou de voluntariado”, concretou.

Llano engadiu que “se queremos evitar novos brotes de Covid-19 entre a nosa poboación temos que seguir atendendo os protocolos e non podemos relaxarnos nin moito menos, porque iso suporía volver para atrás. E o que queremos é ir para diante. Así que temos que conseguilo entre todos, dando o exemplo que é habitual en Burela, de responsabilidade, sendo conscientes do que pode suceder. De aí a importancia de participar neste cribado voluntario”, concluíu.

VARIOS CASOS DETECTADOS NUN PESQUEIRO

Desde as once desta mañá, momento no que se abriu a inscrición no devandito cribado, anotáronse 110 persoas, segundo os datos facilitados polo rexedor.

Concello e Sergas acordaron a realización dun cribado en Burela para avaliar a situación epidemiolóxica trala preocupación polos casos detectados nun pesqueiro con base no peirao burelao. A realización dunha análise masiva á poboación burelá foi unha petición do BNG nun pleno.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here