A Mariña, ao descuberto coa nova guía turística da Mancomunidade

Editaranse 3.000 exemplares en papel da revista, que tamén estará dispoñible en formato dixital

Pozo da Ferida. AXM

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, co apoio de Turismo de Galicia, publica unha guía do xeodestino como ferramenta para promover os principais atractivos e produtos do territorio en coherencia coa estratexia de promoción e dinamización que o ente supramunicipal fai da comarca no seu conxunto e en base ao turismo slow e sostible.

Así o anunciou a mancomunidade a través dun comunicado de prensa. A publicación denomínase ‘A Mariña Lucense ao descuberto‘, e vén a seguir os pasos iniciados coa renovación da web.

En formato revista, a guía “amosa pinceladas de todas as posibilidades que ofrece o destino -coa opción de afondar en diversos aspectos a través de códigos QR e enlaces– e busca favorecer a calidade da experiencia turística e a permanencia do turista no territorio. Xurde tamén coma ferramenta práctica para as oficinas de turismo, aloxamentos turísticos e para reunións e contactos con turoperadores“, indica a mancomunidade.

Son 28 páxinas en A-5 e papel reciclado. Trátase dunha guía “práctica e áxil, que se presenta en versións dixital e impresa co mesmo contido e estrutura. Debido á situación derivada pola Covid19 a versión dixital gaña en importancia, contando cun apartado destacado na web do xeodestino e un perfil específico na aplicación online Issuu, que permite a visualización de revistas dixitais en gran calidade. Ademais, estase traballando en diferentes soportes para acceder á revista a través do seu código QR. Son 3.000 os exemplares editados en papel que se van distribuír entre as oficinas de turismo mariñaos”, concreta a mancomunidade.

APARTADOS ESPECÍFICOS PARA GASTRONOMÍA, ACTIVIDADES DA NATUREZA OU O CAMIÑO

O presidente da Mancomunidade e alcalde de Foz, Fran Cajoto, destacou os atractivos naturais e patrimoniais do xeodestino. “A revista inclúe apartados específicos sobre a gastronomía, actividades na natureza, eventos, produtos turísticos e o Camiño de Santiago do Norte. Hai que destacar a cartografía –os mapas- que se inclúen, que foron realizados expresamente para a publicación. Hai catro mapas específicos do territorio: un xeral dos recursos, un da costa e praias, outro dos espazos naturais e un do Camiño de Santiago do Norte”, indicou.

Os textos da guía foron redactados por Claudia del Pino, turismóloga, especialista en planificación territorial residente no territorio e a cartografía foi realizada por Samuel Nájera, doutor en Xeografía pola Universidade Complutense de Madrid  e Máster en dinámicas territoriais e desenvolvemento. O deseño e maquetación intenta transmitir unha imaxe de elegancia á vez que dinámica, propia da marca. É obra de Eva Veiga, graduada en Belas Artes e Máster en Dirección de Artes Plásticas. Deseñadora profesional e fotógrafa, reside na Pontenova.

Tania Hermida, xerente da Mancomunidade, e Fran Cajoto. AXM

“As imaxes que amosan un destino máxico, diferente, tranquilo, diverso e atractivo, foron escollidas do banco de imaxes da Mancomunidade de Concellos da Mariña realizadas na ampla maioría polo fotógrafo profesional Antonio Paz, con colaboracións concretas doutras persoas e entidades”, expuxo Cajoto.

CAJOTO CONVIDA A FACER TURISMO DE PROXIMIDADE

Esta guía súmase a outros folletos turísticos da Mancomunidade como a presentada no pasado mes de outubro para o proxecto das Rutas de Artesanía.

Cajoto dixo que “non é un bo momento para o sector turístico, coa limitación de movementos que provoca a situación sanitaria. Sen embargo, temos a oportunidade de coñecer sitios que nos poden sorprender e que están moi cerca de nós. Así que, coa precaución e cautela necesarias, animamos a todas as galegas e galegos que acudan á nosa comarca. E aos mariñaos, que aproveiten o momento de descubrir o que todos temos ao lado da casa”, concluíu.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here