A dragaxe de Porto Chico segue pendente oito anos despois tras acordos no Pleno e no Parlamento

O PSdeG levará de novo á Cámara galega a situación do peirao deportivo de Foz, no que a falla de calado provoca que con marea baixa "queden inutilizadas" parte das embarcacións

Otero e Cajoto, en Porto Chico. AXM

A secretaria provincial do PSdeG e deputada autonómica Patricia Otero, acompañada do alcalde de Foz, Francisco Cajoto, avanzaron dende o Porto Chico que o grupo parlamentario socialista defenderá mañá martes (día 6, a partir das 16.00 horas) unha iniciativa na Comisión 8ª do Parlamento Autonómico para reclamar á Xunta de Galicia “que execute neste ano a reestruturación do porto deportivo de Tupide en Foz, coa modificación da súa bocana e a dragaxe así como a ampliación de servizos”.

“A dragaxe do porto de Tupide de Foz reflicte o completo abandono do Goberno de Feijóo para mellorar as dotacións da nosa vila. Estamos diante dun proxecto impulsado no ano 2013, e a día de hoxe, oito anos despois só podemos falar de abandono e esquecemento”, espetou Cajoto.

O alcalde de Foz aludiu ao “obscurantismo e a falla de compromiso da Xunta con este e outros proxectos”. Tamén á promesa da Xunta “manifestada tamén á Asociación A Riberia para executar durante o ano 2020 un proxecto técnico de reforma e dragaxe do Porto Chico en Foz, xa que todos sabemos que son obras da máxima urxencia para o concello”, salientou.

ZÓDIACS DE SALVAMENTO, VARADAS

Cajoto tamen se referiu ás imaxes das zodiacs de salvamento marítimo varadas no peirao durante a marea baixa, “cun pantalán inutilizado en gran parte pola acumulación da area. Por iso esperamos tamén o traballo do Partido Popular de Foz para esixir a un goberno da súa mesma cor política cumprir coa palabra dada, polo tanto, esperamos feitos e non ditos. E demandamos inversións reais e financiamento encima da mesa xa”, dixo.

Otero lembra na proposición rexistrada que “a necesidade da dragaxe do porto deportivo de Foz, Porto Chico, é un tema que se leva denunciando dende hai moitos anos. Colectivos como os pescadores deportivos de forma individual, asociacións, clubs, socorristas así como o grupo socialista, levan anos denunciando a falla de calado que sofre este porto deportivo, no que atracan moitas embarcacións. E onde ademais hai varias zodiacs de salvamento, entre elas a que emprega Protección Civil de Foz e os socorristas de Barreiros”, subliñou.

“A Agrupación Socialista de Foz xa reiterou publicamente o seu apoio ás iniciativas coas que se instaban a Portos de Galicia a acometer de xeito urxente a dragaxe do Porto Chico de Foz. Nesa liña compre lembrar que no ano 2013 aprobouse por unanimidade no pleno do Concello de Foz unha moción do grupo socialista focense na que se lle instaba á Xunta de Galicia a que acometese esta dragaxe”, remarcou a Deputada do PSdeG.

SEN PARTIDA NOS ORZAMENTOS DE 2020

Tamén dende o Parlamento de Galicia se aprobaron propostas neste sentido, concretamente “na Comisión 8ª celebrada o 11 de maio de 2018 aprobouse por unanimidade unha Proposición non de lei na que se instaba a Xunta de Galicia a que realizase esta dragaxe de xeito urxente. E no 2019, o 12 de setembro, aprobouse por unanimidade outra iniciativa parlamentaria, para acometer unha mellora integral do Porto Chico de Foz”, insistiu.

Otero tamén interpelou á Presidenta de Portos, en sede parlamentaria o pasado 20 de decembro de 2019, sobre si existían nos orzamentos da Xunta do 2020, unha partida que contemplase a contratación da asistencia técnica para preparar a documentación e iniciar os estudios correspondentes para poder facer a dragaxe deste porto, así como a cantidade destinada a tal fin. “A súa resposta foi que a obra de dragaxe se acometería, pero que non estaba prevista executala no ano 2020, e que se atopaba en fase de redacción dos pregos para contratar a asistencia técnica dos estudos de impacto ambiental de diversas dragaxes en Galicia”, relatou a deputada socialista.

“Queda completamente constatado, que a pesar dos acordos parlamentarios e dos anuncios da Xunta, que a día de hoxe a falla de calado e as malas condicións de abrigo das instalacións do Porto Chico de Foz seguen a empeorar, sen que a Xunta de Galicia aporte ningunha solución”, advertiu. Ademais sinalou que esta falla de calado “implica que as embarcacións teñen problemas para entrar e saír do porto, coa conseguinte falla de seguridade que isto implica. O problema dáse coa marea baixa, xa que deixa inutilizadas parte das embarcacións”, conclúe Otero.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here